Ferrolterra, 17 de outubro de 2026 – Nota de prensa
O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia (PCG) traslada unha forte aperta solidaria ao compañeiro da CIG - As Pontes, agredido mentres colocaba unha pancarta da folga do comercio de alimentación. Desexámoslle unha pronta recuperación e trasladarlle que non está só.
Esta agresión non é un feito illado. Súmase ás pintadas e aos ataques contra domicilios, que onte á noite se repetiron por terceira vez contra a sede da Cruz Vermella e contra unha vivenda particular. Estamos ante unha escalada evidente: o fascismo primeiro sinala, despois ameaza e finalmente golpea.
O PCG urxe aos partidos no Concello das Pontes a actuar e que o Consistorio se presente como acusación popular no procedemento contra o agresor. As institucións que representan o pobo non poden quedar de perfil, teñen que implicarse activamente na defensa da convivencia e dos dereitos democráticos. Esa responsabilidade é aínda maior cando a alcaldía está en mans dun partido que di ser de esquerdas, como o PSOE. As condenas sen accións e sen consecuencias non serven de nada.
Coordinadora de Acción Antifascista
Por outra banda, o PCG celebra que en Ferrolterra xa se deran os primeiros pasos para constituír unha Coordinadora de Acción Antifascista. A tarefa será combater ós que sementan odio e crispación, recollendo información e preparando o necesario para facer fronte ás agresións fascistas por todas as vías, de xeito que ningunha ameaza, pintada ou golpe quede sen rexistrar e sen resposta. O PCG fai un chamamento a todas as organizacións democráticas de Ferrolterra a sumarse á Coordinadora e participar nas súas tarefas, que son moitas e moi necesarias.
Estamos nun momento de urxencia democrática. É o momento de plantarlle cara ao fascismo. Despois será tarde.
Comité Comarcal de Ferrolterra – Partido Comunista de Galicia




