Neste 25 de novembro, dende o Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista, queremos denunciar como a alianza entre o patriarcado e o capital provoca as desigualdades que son a causa de moitas das violencias que sufrimos as mulleres. Non son feitos illados, senón consecuencias dun modelo económico que subordina as necesidades humanas á obtención de beneficios. Neste modelo, as mulleres continúan ligadas aos empregos máis precarios e de menor consideración social, mentres que ao mesmo tempo en elas recae a maior parte do traballo reprodutivo.
A cuestión da vivenda constitúe unha expresión especialmente sangrante desta contradición. O encarecemento dos alugueiros e das hipotecas converteu o acceso a un fogar digno nunha dificultade crecente para amplas capas da clase traballadora. Porén, son as mulleres as que sofren esta situación de xeito máis intenso debido á fenda salarial, a menor capacidade de aforro e a carga desproporcionada das tarefas domésticas e de coidados, o que aumenta a súa vulnerabilidade económica.
Para moitas mozas de clase obreira, abandonar a casa familiar, acceder a unha vivenda independente ou constituír un proxecto vital autónomo convértese nun obxectivo dificilmente alcanzable. Esta situación contribúe a reproducir desigualdades de xénero e clase, retrasando a autonomía económica e reforzando a dependencia da familia. Unha institución que acolle no seu seno dinámicas machistas que limitan a autonomía das disidencias sexuais e de xénero. Vivir unha vida digna non pode depender das boas ou malas relacións que podamos ter cas nosas familias. Precisamos construir unha sociedade que supere a degradación dos servizos públicos e a xestión do mercado.
A feminización da precariedade exprésase con especial crueza nas familias monoparentais, que están en máis dun 80% encabezadas por mulleres. En Galicia existen máis de 100.000 fogares monoparentais e unha parte significativa delas atópase en risco de pobreza ou exclusión social.
O problema da vivenda e a crecente perda de poder adquisitivo dos salarios, adquire unha dimensión máis grave no caso das vítimas de violencia machista. Esta non pode considerarse como unha cuestión individual ou cultural, senón que é un fenómeno que se apoia en relacións de dependencia económica. Moitas mulleres permanecen cos seus agresores porque carecen de ingresos abondo para garantirlles a reconstrución dunha vida autónoma.
O capitalismo encárgase tamén de vender ás mulleres a súa explotación sexual e reprodutiva como alternativas emancipatorias e relacionadas coa súa "liberdade de decidir sobre o seu corpo". Temos que ter claro que non podemos tratar a prostitución, a pornografía, nin os ventres de alugueiro como unha cuestión individual. Temos que poñer o acento na situación de necesidade nas que se atopan as mulleres que optan por estas vías ante momentos de precariedade.
Dende o PCG e a XC apostamos pola mobilización social é a organización da nosa clase fronte ás súas violencias.




