Na mañá de hoxe, a praza de María Pita converteuse de novo nun escenario de dignidade e de resposta colectiva fronte ao avance do fascismo. O que comezou sendo unha xornada de mobilización antifascista, contra a presenza de elementos reaccionarios na nosa cidade, rematou cunha brutal intervención policial que saldouse con varios detidos e ducias de feridos, evidenciando cáles son as verdadeiras prioridades do Estado e a quén protexen as forzas de seguridade.
Entendendo que ao fascismo non se lle debate, senón que bótase das nosas rúas, e que non se lles debe deixar espazo público impunemente, os colectivos locais uníronse demostrando que A Coruña ten memoria, e que non tolera a intolerancia. A maiores, a mocidade demostrou que sí está e sí se mobiliza, sendo as estudantes o grupo de idade máis numeroso da concentración.
Milleiros de persoas sumáronse conscientemente para expresar o seu rexeitamento ao odio. Porén, a xornada viuse alterada cando as forzas de represión do Estado decidiron cargar contra as manifestantes. Comezaron con golpes nas primeiras filas, seguidos de disparos de bolas de goma e de gases lacrimóxenos para dispersar ás coruñesas antifascistas. A mocidade amosou a súa fortaleza non deixándose amedrentar e continuando coa resistencia ante a inxustificada violencia policial. As forzas de seguridade volveron deixar claro cómo protexen, escoltan e blindan os discursos de odio, e golpean e deteñen aos defensores dos dereitos de asociación e as liberdades da clase traballadora. A violencia institucional sementou a represión onde só había autodefensa e organizacion popular.
O Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista de Galicia denunciamos a vergoñenta actuación das forzas de seguridade represoras da liberdade, e pedimos responsabilidades á Delegación do Goberno.
Contra o fascismo, a nosa resistencia!
Ningunha agresión sen resposta!
A Coruña será a tumba do fascismo!




