Este venres, 9 de outubro, todas e todos á rúa: FASCISMO NUNCA MÁIS
Os ataques fascistas en Ferrolterra xa non son feitos illados. A sede da Cruz Vermella foi atacada por segunda vez, e son varios os militantes e locais da esquerda que tamén foron atacados ou están no punto de mira.
Non é casualidade nin vandalismo: é o froito dunha campaña de odio que ten autores intelectuais coñecidos, que medra ao abeiro da impunidade e da pasividade de quen ten a obriga de frealo, e impulsado polos medios de comunicación.
Ante isto, celebrouse unha reunión onde confluimos numerosas organizacións políticas, sindicais, sociais e culturais, cubrindo o máis variados espectros da cidadanía da comarca.
Nesa xuntanza, o PCG volveu defender o que xa levamos moito tempo dicindo: o fascismo non se para con comunicados, nin condenas baleiras nin reaccionando a posteriori. Parámolo organizándonos e pasando á acción. Por iso propuxemos tarefas concretas e permanentes: limpar as nosas rúas das súas pintadas e símbolos, presionar aos medios que lles dan altofalante e a quen os financia, documentar sistematicamente as mensaxes de odio para que teñan consecuencias legais, e protexer de xeito organizado á nosa xente e aos nosos espazos.
E propuxemos dar forma estable a todo isto nunha Acción Antifascista Ferrolterra, aberta a organizacións e a calquera persoa que queira loitar. A valoración da reunión é moi positiva. Agardamos que estas e outras propostas interesantes que alí xurdiron se consoliden o antes posible.
Pero o primeiro paso dáse na rúa, e dáse xa:
CONVOCATORIA
Venres 9 de outubro, ás 19:00 horas
Saída: sede da Cruz Vermella, na esquina da rúa Dolores coa rúa Coruña
Chegou a hora de deixar de estar á defensiva. Se hoxe agachamos a cabeza, mañá será moito máis difícil levantala. Os fascistas só retroceden cando atopan diante unha clase traballadora organizada, unida, á ofensiva e disposta a non ceder nin un metro de rúa.
Non fai falla explicar a importancia desta mobilización. Por iso non vos pedimos só que veñades: pedímosvos que traiades con vós ás vosas familias, amizades e compañeiros e compañeiras de traballo, e que espalledes a convocatoria e as razóns que a motivan en cada barrio, nos centros de ensino, en cada centro de traballo e en cada rede.
Que o venres a comarca de Ferrol fale alto e claro.
FERROL LIBRE DE FASCISMO E RACISMO
¡Agora é o momento de paralos. Despois será tarde!
Saúdos comunistas
Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia




