COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Vigo | Pasamento da camarada Conchita Nogueira

7 de xullo de 2026

Dende o Partido Comunista de Galicia comunicamos con gran pesar o pasamento da nosa camarada Concha Nogueira Miguel.

Nada en 1933, a súa vida estivo marcada xa dende ben cedo pola traxedia, xa que o 23 de abril de 1937 tivo lugar o suceso do bou Eva, no que seu pai e súa nai, xunto con outros sete compañeiros pretendían fuxir nesta embarcación, dende o porto do Berbés, en Vigo, da represión do exército golpista. Porén, a causa da delación dun tripulante, foron descubertos na bodega e logo de recibir ameazas e tentativas de afogamento, preferiron acabar coas súas vidas antes que entregárllelas aos falanxistas que os agardaban fóra. 

Este acontecemento, que aínda permanece oculto para unha gran parte da poboación galega e mesmo da comarca de Vigo, marcou fortemente a súa vida, así como a da súa irmá pequena, que tiveron que vivir durante os peores anos da ditadura franquista coas precaucións e privacións que sufrían as familias dos roxos, xa que varios tíos seus pasaron polo cárcere e polo exilio, mentres que ela, xunto á súa tía Concha, servía de correo, para pasar mensaxes para os guerrilleiros fuxidos no monte.

Logo de cursar estudos primarios, traballa dando clases e como secretaria de Celso Isla Couto e en 1955 decide emigrar a Venezuela, onde ten contacto con varios galegos exiliados e entra no Partido Comunista. É alí, en Caracas, onde coñece ao que sería o seu home, o vigués Francisco Mosquera, tamén militante comunista, co que casou e tivo tres fillos: Francisco, Jacinto e Carmen María. 

Regresaron a España en 1965 e dende aquí continuaron a loita antifranquista. Concha participou na Asociación Cultural de Vigo, na Asociación España-URSS, que logo se convertería na Máximo Gorki. Nos anos 90, coa súa residencia en Nigrán, Francisco e Concha, xunto con outros militantes, formaron a agrupación de Esquerda Unida no Val Miñor e tamén tivo unha importante actividade en prol da memoria democrática do noso país, dando charlas en institutos e outras asociacións sobre os avances da Segunda República e o desastre que supuxo a vitoria do franquismo. “Mataron a intelixencia”, adoitaba dicir.

Tamén tivo un labor importante no movemento feminista, dende a súa participación na fundación do Movemento Democrático de Mulleres ata o seu labor no tecido asociativo da cidade, coma dentro do Colectivo Violeta, que realizou un traballo pola feminización dos nomes das rúas de  Vigo, especialmente co recoñecemento a mulleres represaliadas polo franquismo coma a súa nai, Carme Miguel Agra. 

Que a terra che sexa leve, camarada Conchita! 

Categorías:

Comparte: