COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG apoia a loita polo descanso no sector do comercio galego

12 de agosto de 2026

Durante a vindeira semana, o sector do comercio galego desenvolverá diversas xornadas de loita que desembocarán na folga prevista para o 15 de agosto.

A mobilización defende o dereito ao descanso dos e das traballadoras do comercio, fronte unha patronal que trata de normalizar a apertura en domingos e festivos. Estes intentos de expandir a dispoñibilidade da forza de traballo atacan o descanso mínimo da clase obreira, poñendo a ganancia extra por enriba da saúde e a vida dos e das traballadoras.

O Partido Comunista de Galicia apoia a reivindicación do sector e defende os festivos como unha conquista da loita obreira na procura do descanso necesario. A patronal do comercio trata de aumentar a ganancia ao aumentar o tempo de apertura, sempre a costa da racionalización do descanso de quen traballa. Os domingos e festivos teñen unha función social pola que non só aseguran o descanso laboral, mais tamén o desfrute do tempo de ocio de forma colectiva.

Os e as consumidoras habituais do comercio somos tamén traballadores e traballadoras. Neste sentido, o PCG chama á solidariedade coa xornada de folga e o apoio á clase obreira no sector comercial. O 15 de agosto, un dos festivos máis significativos do verán galego, debe aproveitarse para o ocio e o descanso. Por iso, chamamos a adiantar as compras e evitar achegarse aos comercios, como medida de apoio á loita polo descanso e o tempo para vivir.

Ademais da xornada nacional do 15 de agosto, arredor do 11 e 12 do mesmo mes, celebraranse diversas mobilizacións nas comarcas do país reivindicando o dereito ao descanso dos e das traballadoras do comercio.

O sector servizos emprega máis da cuarta parte da forza de traballo en Galicia. Grande parte deste sector está no comercio, unha actividade vital para o desenvolvemento social. A presenza maioritaria de mulleres no sector, quen soportan cargas de coidados maiores, fai que as pretensións da patronal impoñan cargas maiores para a conciliación.

As reivindicacións das traballadoras do comercio encaixan nas necesidades da clase obreira no seu conxunto. O comercio debe planificarse para responder ás necesidades de consumo da clase obreira, non para maximizar os beneficios dos capitalistas.

Categorías:

Comparte: