COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | O PCG ante os ataques fascistas en Ferrolterra

13 de agosto de 2026

O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia non vai entrar na competición tan habitual, como estéril e hipócrita, de ver quen redacta a condena máis enérxica. Deixamos para outros os golpes de fariseo no peito e as condenas baleiras que non teñen ningunha consecuencia práctica. 

Preferimos explicar as razóns polas que suceden estas cousas, ao entender que é moito máis útil e a tarefa que realmente lle corresponde a unha organización de esquerda. 

Un fenómeno que non naceu onte 

O rexurdir do fascismo en Europa é evidente, e o Estado español non ía ser excepción. Tardou máis en coller intensidade, pero sempre estivo latente, agardando as condicións materiais e políticas propicias. 

O PSOE atribúe as pintadas na súa sede á "polarización política" e ás mensaxes "ultras" que promove a extrema dereita e normaliza o PP. Teñen parte de razón pero esquecen que o fascismo tamén se envalentona porque gobernos que se presentaron como "os máis progresistas da historia" non fixeron absolutamente nada de calado para combater ó fascismo. Os fascistas actúan porque están seguros da súa impunidade

Cómpre dicilo alto e claro: unha parte da responsabilidade da volta do fascismo é de todas esas forzas que din ser de esquerda pero sempre relativizaron e desprezaron os avisos de alerta. Deles é a incapacidade, a inacción e a permisividade máis absoluta e vergoñenta. 

En demasiadas ocasións da a sensación, e non só a sensación, de colaboración tácita cando se permite a infiltración de fascistas nas forzas armadas, na Garda Civil, nas policías nacional, autonómicas e municipais. Infiltracións contra as que o ministro do Interior, Marlaska, nunca fixo nada; mesmo ao contrario: protexe e promove a fascistas. 

Que mensaxe da o goberno, e esa fiscalía que di controlar, cando se mostra implacable á hora de perseguir sindicalistas, ós Seis de Suíza ou ós Seis de Zaragoza? E cando manda á policía a repartir hostias ós compañeiros do metal de Cádiz ou infiltra Mossos D’esquadra en asembleas de profesores en Cataluña? Que mensaxe da cando deteñen a un humorista mentres un deputado fascista alenta impunemente a saír de “caza do inmigrante” polas rúas? 

Son mensaxes moi claras que a extrema dereita sabe interpretar perfectamente: mostras de debilidade ideolóxica e política. E todos sabemos que a debilidade sempre convida á agresión. 

Un chamamento á autodefensa 

O fascismo é a ferramenta de combate e dominación do capital e a burguesía cando os métodos pseudo-democráticos xa non lles serven, cando mostran realmente o que son: o inimigo de clase. Neste punto, a clase obreira non ten máis opción que a autodefensa, organizada e colectiva. 

Dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia, facemos un chamamento ás forzas e militantes da esquerda a abandonar a pasividade e encarar á unidade de acción antifascista real, á organización da autodefensa da nosa xente e dos nosos espazos. Chamamos a dar pasos para activar de inmediato un bloque comarcal de Acción Antifascista e facer fronte de xeito activo, efectivo e contundente contra o fascismo. 

Esto é o que a esquerda coherente debe facer en Ferrol, en Galicia, no Estado e en Europa: hai que organizarse fronte ao fascismo, porque vén desbocado e non serve poñerse de perfil.

 

Categorías:

Comparte: