COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O PCG rexeita o Proxecto GAMA en Palas de Rei

1 de abril de 2024

O PCG rexeita o Proxecto GAMA en Palas de Rei

A proposta dunha fábrica de fibra téxtil termina no proxecto doutra planta de celulosa en Galicia, o que agravaría o problema do monocultivo de eucalipto en Galicia.

O Parlamento galego aprobou o 15 de febreiro de 2022,  por unanimidade, e co votos a favor de PPdeG, BNG e PSdeG, un proxecto para a elaboración de fibra téxtiles en Galicia.

No proxecto da empresa Greenfiber S.L. (propiedade do Grupo Altri S.L.U. entre outros accionistas), en exposición pública desde o 4 de marzo de 2024 no tramite de Autorización Ambiental Integrada, reflíctese que, ademais da produción de 60.000 t/ano de tecido semisintético a base de celulosa (lyocell), a nova planta producirá 400.000 t/ano de celulosa branqueada seca ao aire.

A empresa promotora do proxecto, Altri, dedícase á fabricación de pasta de papel en Portugal, país que prohibiu as plantacións de eucalipto ata o ano 2030. É evidente que con este proxecto, Altri busca producir pasta de papel preto da orixe da materia prima, que xa está a comprar en Galicia para producir en Portugal, co obxectivo de reducir os seus custos de produción para aumentar os seus beneficios.

O aumento de demanda de Eucalipto provocará un aumento do xa excesivo territorio destinado ao seu monocultivo. Isto agravará os prexuízos xa constatados das plantacións de eucalipto existentes en Galicia: perda de biodiversidade, erosión e perda de fertilidade do chan, aumento do consumo de auga, aumento do perigo nos incendios forestais e redución de solo para outras actividades sostibles.

A implantación desta planta industrial provocará a destrución directa de 366 ha de territorio de gran valor biolóxico. Tamén diminuirá en 16.000 l/día a cantidade de auga do encoro Portodemouros agravando os seus problemas de eutrofización, e devolverá 30.000 l/día de auga ao encoro a unha temperatura de 27° C, poñendo en perigo ás especies de augas frías del Río Ulla. Ademais, hai que ter en conta que esta zona, foi proposta como espazo protexido da Rede Natura 2000, unha protección infradimensionada en Galicia conforme á UE.

Aínda que o Estudo de Impacto Ambiental (pagado e presentado polos promotores do proxecto) avalíe o seu impacto como supostamente moderado e compatible, sempre que se adopten as medidas preventivas, correctoras e compensatorias definidas nese estudo, a experiencia da contaminación do río Taxo polas fábricas Altri en Portugal evidencia que a contorna da fábrica, o río Ulla e a ría de Arousa, correrían ou alto risco de contaminación. Sendo non só unha ameaza para o medioambiente, senón tamén para a base da economía gandeira, agraria, marisqueira e pesqueira destas zonas.

Os 200 postos de traballo directos que os promotores estiman que vai xerar esta fábrica non compensan os riscos sobre varios sectores que sustentan a economía dunha ampla zona de Galicia, nin xustifican a ameaza sobre un espazo de gran valor ecolóxico e cultural. 

Por todos estes motivos o Partido Comunista de Galicia:

  1. Rexeita a execución do Proxecto Gama en Palas de Rei, porque prexudica claramente o equilibrio ecolóxico do centro de Galicia só para favorecer os intereses económicos dunha empresa privada. Unha vez mais, evidénciase que o capitalismo verde, agochándose tras pretendidos argumentos ecolóxicos, só serve como escusa para seguir fomentando a depredación da natureza. Só unha economía planificada por e para a clase traballadora (economía socialista) garantirá que a produción humana teña en conta á sustentabilidade da sociedade e non estee guiada exclusivamente pola busca do máximo beneficio económico da clase capitalista.
  1. Denuncia a utilización dos fondos públicos Next-Generation para o beneficio económico do sector privado. Neste caso a subvención poderá chegar aos 250 millóns de euros, case un terzo dos 800 millóns que custa o proxecto. Xustificándose na transformación do modelo produtivo, o sector privado está privatizando capital público para desenvolver os seus proxectos depredadores e contrarios ao equilibrio coa natureza.
  1. Antes de construír novas fábricas para aproveitar os recursos forestais de Galicia, é fundamental realizar unha planificación integral do territorio, que determine cientificamente a capacidade do chan de Galicia para cada uso produtivo, garantindo a adecuada protección da natureza e a xestión dos recursos, como a auga, nun contexto de crise climática.
  1. Saúda e apoia a loita dos colectivos que se están a mobilizar en contra deste proxecto. A organización social é imprescindible para oporse aos intereses egoístas da clase capitalista e para defender o carácter social dos recursos que a natureza e o traballo humano nos brinda.

Categorías:

Comparte: