COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | Olimpia Barcia, exemplo de conviccións, resistencia e dignidade

10 de outubro de 2026

Poida que hoxe teñamos a fonda tristura de despedir fisicamente a Olimpia, pero imos lembrar sempre os 104 anos de pegada fonda, digna e valente que deixa entre nós e na memoria viva do noso pobo.


Olimpia non foi só parte fundamental da nosa familia e da nosa historia colectiva; foi unha muller de firmes conviccións, desas que souberon manter ergueita a cabeza mesmo nos tempos máis escuros da nosa historia. Lévano na memoria os feitos tráxicos do 5 de setembro de 1936: un grupo de falanxistas chega á aldea de Os Xicos en Regüela, deteñen un grupo de mozos, un deles intenta fuxir e asasínano alí mesmo. Aos outros cinco lévannos camiño do camión; entón Amador, irmán de Olimpia, máis outro mozo escapan ao monte. Os tres mozos que levaron foron asasinados no cemiterio de Sillobre. O seu único delito foi «ter ideas republicanas». 

A raíz de todo aquilo, Olimpia coñeceu en carne propia a represión, sufrindo o cárcere xunto con outras mulleres por non baixar a mirada nin renunciar á dignidade.

Esa coraxe forxada na dor e na resistencia acompañouna durante toda a súa vida. Compartiu sempre a paixón inquebrantable polas ideas xustas, polo ben común e pola solidariedade, camiñando ao carón dos seus cos principios intactos. 

Como tantas mulleres galegas que sostiveron o mundo nos anos do medo e do silencio, Olimpia foi un piar de lealdade cara á súa clase, á súa memoria e á súa xente.

Hoxe, ao lembrala xunto a quen tanto a quixeron, xunto ás súas fillas, á familia e ás amizades que compartiron o seu mesmo latexo, sabemos que vai descansar alí onde repousan os homes e mulleres que nunca renunciaron á xustiza nin á liberdade. 

Non hai despedida máis fermosa para ela ca o canto compartido e o compromiso de que a súa memoria non se apagará.

Que a terra che sexa leve, Olimpia. O teu exemplo, a túa loita e a túa dignidade quedan para sempre con nós

Categorías:

Comparte: