COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | Novo desleixo co monumento ás Vítimas do Franquismo

8 de xullo de 2026

O PP de Ferrol volve demostrar que hai vítimas de primeira e de segunda.

Hai menos dun ano, este Comité Comarcal denunciou publicamente o tratamento indigno que recibía o monumento en Memoria ás Vítimas do Franquismo no Parque Antón Varela: primeiro abandonado entre o lixo, despois tapado cunha lona negra, convertido nun bulto anónimo e sombrío. 

Daquela pedimos ao goberno municipal do Partido Popular que se asesorase, que consultase o Consello Municipal de Memoria Histórica e que adoptase solucións acordes coa dignidade das persoas que o monumento representa.

Desprezo ás vítimas e as familias

Un ano despois, comprobamos que Rey Varela non só non aprendeu nada, senón que decidiu agravar o agravio. A licitación das obras dun skatepark no propio Parque Antón Varela, anunciada de xeito unilateral, ás agachadas en período estival, é a culminación dun patrón de conducta que xa non pode cualificarse de torpeza: é desprezo infame. Desprezo cara ás vítimas e as familias, cara aos colectivos memorialistas que rexeitaron expresamente esta localización, e cara á propia declaración de Ferrol como Cidade da Memoria Democrática, que o PP exhibe cando toca foto na prensa e ignora cando toca gobernar.

Eiquí cómpre facer unha pregunta que ninguén no goberno municipal vai respostar: 

- Actuaría igual o PP se o espazo fose o “Parque Miguel Ángel Blanco”? 
- Consentiría que un monumento na súa memoria estivese cuberto de lixo? 
- Taparíao cunha lona negra como quen agocha un vertedoiro?
- Licitaría ás agachadas unhas ramplas de skate ao seu carón? 

Que todos xa saibamos as respostas certifica a dobre vara de medir coa que actúa sempre o PP: hai vítimas que merecen protección, respecto institucional e solemnidade; e hai outras, as do franquismo, ás que lles regatean ata o dereito elemental a non ser sepultadas por segunda vez, agora baixo o formigón dunha instalación deportiva.

Que ninguén se confunda: todas as vítimas merecen memoria, respecto e dignidade. O grave é que o Partido Popular aplica ese principio de xeito selectivo, segundo lle conveña ao seu relato e os seus intereses: é unha toma de partido contra a Memoria Democrática.

Lugar da Memoria Democrática, unha farsa

En novembro de 2025, dende o PCG cualificamos de farsa a declaración de Ferrol como “Lugar de Memoria Democrática”. Foi un fito baleiro de contido, de consecuencias e de feitos: 22 placas, 22 diplomas, cero euros de orzamento, cero exhumacións, cero sentenzas anuladas. 

Daquela houbo quen nos acusou de sectarismo. Oito meses despois, a realidade confirma palabra por palabra a nosa análise: unha declaración sen dotación material nin plans de actuación non protexe absolutamente nada, nin sequera o único monumento memorial da cidade, que pode ser tapado cunha lona, abandonado ao lixo ou ameazado por unha licitación municipal sen que ningunha administración mova un dedo. 

Confirmase aquela declaración como a enésima boutade propagandística do PSOE, que imprimiu diplomas para as fotos e agora o PP encárgase de demostrar canto valen eses papeis: nada. PP e PSOE son dúas caras da mesma moeda falsa do réxime do 78, unha simula que repara e outra adícase a profanar. E no medio, as vítimas do franquismo seguen a esperar verdade, xustiza e reparación reais.

Skatepart, si e no seu sitio.

Ninguén se opón ao skatepark. Ó contrario: a mocidade da comarca e a cidade merece equipamentos deportivos. En Ferrol temos localizacións alternativas viables que non colisionan coa significación memorial dun espazo protexido polo consenso democrático.
As presas do PP por facer obriñas e xerar titulares electoralistas lles leva a escoller, entre todas as opcións posibles, xustamente a que profana o único espazo da cidade adicado ás vítimas da ditadura.

Por todo isto, dende o Comité Comarcal de Ferrolterra do PCG esiximos:

- A paralización inmediata da licitación das obras do skatepark no Parque Antón Varela.
- A convocatoria urxente do Consello Municipal de Memoria Histórica, órgano ao que o goberno municipal leva un ano ignorando de xeito deliberado.
- A apertura dun proceso de diálogo real cos colectivos memorialistas, veciñais e xuvenís para acordar unha localización máis axeitada para este e outros equipamentos deportivos e urbanos necesarios.
- Un plan de protección, mantemento e posta en valor do monumento e da súa contorna, facendo que a declaración de Ferrol como Cidade da Memoria Democrática non sexa un papel mollado sen valor.

As vítimas do franquismo merecen memoria, verdade, reparación, xustiza e dignidade. Non podemos aceptar que sexan tratadas como vítimas de segunda e, moito menos, aldraxadas por un goberno que só entende a memoria cando lle serve de bandeira partidista e electoralista.

Ferrolterra, a 8 de xullo de 2026
Comité Comarcal de Ferrolterra — Partido Comunista de Galicia

Categorías:

Comparte: