COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | Nin unha morte máis no traballo

8 de maio de 2026

O Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia traslada o seu máis sentido pésame e a nosa solidariedade á familia, amizades e compañeiros de Xoel, o mozo traballador vítima dun accidente laboral no polígono de Vilalba. Unha nova morte obreira que nunca debería producirse.

A SINISTRALIDADE LABORAL MEDRA

Esta é realidade intolerable: Milleiros de traballadores e traballadoras se xogan a vida diariamente por salarios miserables ameazados pola precariedade e unha absoluta falla de control das condicións laborais. A sinistralidade laboral medra mentres patronal e administracións miran cara outro lado: en 2025 Galicia superou o número absoluto de accidentes con baixa, máis de 27.500 casos.

As mal chamadas “prácticas laborais” son un auténtico buraco negro de explotación. A mocidade é utilizada como man de obra barata, sen dereitos reais, sen formación nin supervisión axeitada e cunha regulación claramente insuficiente. O capital aumenta aínda máis os seus beneficios a costa da seguridade e o futuro da clase traballadora. É absolutamente necesaria a eliminación destas fórmulas de precariedade encuberta.

CRIMINALIZACIÓN DAS BAIXAS LABORAIS

Mentres, Garamendi e a mafia da CEOE criminalizan as baixas laborais, presentando ós traballadores enfermos como sospeitosos e culpables. As declaracións do presidente da patronal son auténtico terrorismo cando diariamente hai traballadores que morren ou quedan marcados de por vida.

A clase obreira non debe aceptar leccións dos criminais que incumpren as medidas de seguridade, que precarizan as condicións laborais e converten a saúde da clase traballadora nun custo máis. Resulta vomitivo que falen de “absentismo” mentres aumentan os accidentes laborais e as enfermidades derivadas do traballo.

O Goberno do Estado e a ministra Yolanda Díaz son responsables políticos por non atallar esta situación. Xa abonda de discursos baleiros: fan falla máis inspeccións, máis recursos públicos. Hai que impor sancións exemplares con cárcere e expropiación dos bens ós empresarios delincuentes.

Tamén denunciamos a complicidade da Xunta do PP e os medios de comunicación mercenarios, que colaboran coa CEOE na ofensiva ideolóxica contra os dereitos laborais, espallando a tóxica idea de que o problema son as baixas médicas e non a explotación laboral que padecen milleiros de traballadores cada día.

NIN UNHA MORTE MÁIS NO TRABALLO!

Cada accidente laboral ten responsables. Cada morte no traballo é consecuencia directa dun sistema capitalista criminal que antepón os beneficios empresariais á vida da clase traballadora.

Fronte á explotación e a precariedade, a clase traballadora non está indefensa. A historia do movemento obreiro demostra que todos os dereitos conquistados foron arrincados mediante organización, loita e solidariedade de clase. Chamamos á organización arredor de sindicatos verdadeiramente combativos e de clase. A unión, a conciencia colectiva e a folga continúan a ser as ferramentas máis poderosas da clase obreira para defendérmonos dos abusos patronais e conquistar novos dereitos.

Ferrolterra, a 08 de maio de 2026
O Comité Comarcal do PCG

Categorías: Ferrolterra

Comparte: