COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Esgotadas polo capital, controladas polo estado

27 de abril de 2026

A clase obreira fronte á ofensiva do capital

Mentres o capital esgota a clase obreira para aumentar a súa conta de beneficios, as institucións autonómicas sinalan a clase obreira, que paga coa súa saúde a explotación capitalista. As baixas traen causa na presión polo beneficio, non na vagancia da clase obreira.

En Galicia, traballar máis non implica vivir mellor, senón esgotarse en beneficio do capital. Mentres, a Xunta equipara baixa laboral con perda de beneficio, omitindo o que o aumento de beneficio supón para as nosas vidas.

O Partido Comunista de Galicia anima a clase obreira a tomar o que lle pertence, defender uns tempos e condicións de traballo compatibles cunha vida digna, esixir os salarios non pagados e impoñer as súas reclamacións contra o poder estrutural do capital protexido, por acción e omisión, por parte das institucións estatais.

A Xunta estende a dúbida sobre a fraude, en lugar de considerar por que os e as traballadoras non son quen de aguantar a intensidade imposta polo capital. A escasa inversión do capital galego en desenvolvemento tecnolóxico forza a competitividade extenuando a clase obreira. Os medios de produción, controlados polo capital, envellecen ao mesmo ritmo que a clase obreira chega aos seus límites físicos para satisfacer a arela de ganancia capitalista.

Xunta e Confederación de Empresarios de Galicia alíanse para perseguir a clase obreira. Ocultan a causa real do malestar de quen traballa: xornadas maratonianas, intensidade do traballo insostible, alta explotación e baixos salarios e competitividade baseada no sufrimento da clase obreira.

O presidente da patronal galega insiste en que traballadores e empresarios dialoguen sen “trincheiras ideolóxicas”. A realidade é que as relacións entre capital e traballo non poden comprenderse fóra desas “trincheiras ideolóxicas”, pois están atravesadas por intereses antagónicos: o beneficio empresarial oponse á saúde de quen traballa, a rendibilidade impón intensificación laboral, rotación laboral baseada nunha contratación de “usar e tirar” sostida polo “paro estrutural” que a propia patronal cuestiona hipocritamente...

A presión empresarial non se da só durante a xornada laboral ordinaria. A presión por traballar máis acompáñase dun verdadeiro roubo de salarios. Cada traballador que realiza horas extras perde 7.600€ anuais que non son pagados. Os sindicatos non deixan de recibir consultas sobre salarios pagados por debaixo de convenio, complementos non abonados, finiquitos que as empresas omiten pagar, etc. Este auténtico roubo de salarios prodúcese contra a lei, mais o poder estrutural atribuído ao capital, xunto coa conivencia estatal, obstaculizan calquera reclamación.

A acción directa da clase obreira dirixida a reducir a xornada laboral, combater condicións de traballo extenuantes, impoñer o desfrute dos dereitos acadados e expandilos coa loita son a única solución fronte a explotación laboral, a perda de condicións dos e das traballadoras e a soberbia dunha patronal confiada en que o taboleiro de xogo está alterado no seu favor.

A patronal que nos esgota e as institucións estatais que nos controlan non van resolver o problema. O futuro está nas nosas propias mans, coas que creamos toda a riqueza social e coas que construiremos un futuro socialista que respecte as nosas vidas.

Categorías:

Comparte: