A pirámide poboacional estase invertendo. A medida que as persoas nacidas durante o babyboom van alcanzando idades máis avanzadas o gráfico poboacional vai abandonando a tradicional figura xeométrica para converterse noutra na que as persoas con máis idade comezan a ser o segmento maioritario nas nosas sociedades. Esta realidade non é distinta na comarca do Barbanza.
Segundo o Instituto Galego de Estadística, nos concellos de Ribeira, Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal viven 18.600 persoas con máis de 65 anos. Este feito debe ser tomado en consideración e ser determinante á hora de dirimir as prioridades políticas da nosa bisbarra. O envellecemento da poboación xa é un feito, e os servizos encamiñados a atender as necesidades específicas das persoas maiores debe ser unha prioridade do sistema público no Barbanza, así como no resto de Galicia.
Para o PP e Rueda as necesidades do pobo son só un instrumento para conseguir e manter o poder.
Dende fai xa algúns anos son constantes as demandas entorno á esixencia deste tipo de servizos na nosa comarca. A loita por un centro de día en Rianxo tivo resonancia en todo o país. A veciñanza de Boiro leva anos reclamando una residencia pública para o municipio e estase á espera de que se inicien as obras da nova residencia de maiores en Ribeira. Este proxecto foi bloqueado pola Xunta tras perder o PP as eleccións do 2023 e retomado apenas unha semana despois da moción de censura que devolveu o poder á dereita, demostrando que para o goberno liderado por Rueda as necesidades do pobo son só un instrumento para conseguir e manter o poder.
A clase traballadora sabe que un servizo público de coidados, así como aquel que garanta unha atención integral ás persoas durante a súa vellez, é un elemento esencial para a vida das familias e para asegurar unha existencia digna ás traballadoras e traballadores que alcanzaron unha idade avanzada. A situación actual é que a comarca conta con 194 prazas de residencias, un número case anecdótico en comparación coas necesidades existentes. E a pesar de que a futura residencia de Ribeira proxecta contar con 100 prazas e os concellos de Rianxo e Boiro ambicionan complexos de 50 prazas, o número total de camas quedaría aínda moi lonxe das necesidades dunha poboación que en poucos anos superará as 20 mil persoas na terceira idade. Ademais, moitas destas prazas son ou serán privadas.
Unha vez máis vemos como o capital trata de facer negocio coas necesidades existenciais da clase traballadora. A burguesía non exhibe remilgos en facer negocio coa dignidade das persoas máis vulnerables da sociedade, por iso os partidos da clase obreira deben traballar pola construción dun servizo público e universal de coidados. O novo modelo asistencial do que fala a Consellería de Política Social e Igualdade introduce elementos como centros máis pequenos ou desenvolvemento tecnolóxico, pero estes cambios veñen baixo a etiqueta da colaboración público-privada. Isto non é máis que un eufemismo para monetizar as necesidades vitais da poboación e facer negocio co estrato máis vulnerable da clase traballadora.
Garantir unha calidade de vida digna durante a vellez e asistir ás familias nos coidados ás persoas dependentes é un deber inescusable para un estado. Xunto a vivenda, o traballo, a sanidade e a educación, un servizo público de coidados constitúe o quinto piar para garantir á clase traballadora o sustento, unha vida digna e segura, o pleno desenvolvemento da personalidade e á atención precisa á saúde.
Núcleo O Barbanza
DATOS PARA O DEBATE
En Galicia existen centos de residencias para persoas maiores, cun sistema fortemente dominado pola iniciativa privada. Aínda que o número exacto de centros varía segundo a fonte e o ano, estímase que hai arredor de 300 residencias, entre públicas, concertadas e privadas.
No que respecta ás prazas, Galicia conta con aproximadamente 25.000 prazas residenciais para maiores (dato de 2024) . A distribución por titularidade amosa un claro predominio do sector privado: arredor de 15.800 prazas son privadas non financiadas, unhas 3.300 privadas concertadas e unhas 7.000 públicas .
En termos porcentuais, isto tradúcese aproximadamente en:
- Privadas (non concertadas): 60%
- Concertadas: 13%
- Públicas: 27%
Se agrupamos privadas e concertadas, máis do 70% das prazas están en mans privadas, o que evidencia a forte privatización do sector en Galicia.
En canto ao prezo, as residencias privadas presentan unha ampla variabilidade segundo servizos e nivel de dependencia, pero o custo medio mensual sitúase habitualmente entre 1.800 e 2.500 euros, podendo superar esa cifra en centros de maior calidade ou con atención especializada. Pola súa banda, nas residencias públicas o prezo depende dos ingresos da persoa usuaria.
O sistema galego de residencias caracterízase por unha oferta insuficiente en relación coa demanda e por un claro predominio das prazas privadas, tanto en número como en peso porcentual, o que condiciona o acceso e o custo para as persoas maiores e as súas familias.




