COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Voz do Pobo | A Xunta ao servizo do capital

5 de abril de 2026

O caso ALTRI e a división mundial do traballo. A trama da Xunta para impor o proxecto de ALTRI demostra a alianza entre poder político e gran capital

A fábrica de ALTRI en Palas de Rei non trata de desenvolver as forzas produtivas en beneficio do pobo, senón de consolidar o modelo imperialista onde Galicia funciona como fornecedora de materias primas baratas (madeira de eucalipto) para unha cadea de valor controlada desde o exterior. Este é o capitalismo imperialista en acción: fomentando unha Galicia como almacén de recursos, mentres o valor engadido e os beneficios van para as multinacionais téxtiles.

O proxecto de ALTRI non é industrialización, senón extractivismo con maquillaxe tecnolóxica. A fábrica producirá celulosa soluble e lyocell, pero non pechará o ciclo produtivo en Galicia: as fibras enviaranse a terceiros países para a confección téxtil, perpetuando a división imperialista do traballo. Como se infire dun informe do Consello da Cultura Galega, este proxecto reforza a dependencia histórica de Galicia como exportadora de materias primas, mentres importamos produtos manufacturados caros. Galicia non se industrializa, senón que se integra como elo débil nunha cadea global dominada por monopolios.

A elección de Palas de Rei non responde a criterios técnicos, senón á facilidade de acceder a permisos administrativos baixo o paraugas dun goberno cómplice.

A declaración de impacto ambiental favorable non é senón a culminación dun proceso viciado, onde os informes técnicos foron subordinados á vontade política. O Consello da Cultura Galega xa advertiu dos enganos do proxecto: emprego precario, expansión do monocultivo de eucalipto e riscos para a saúde. Porén, a Xunta ignorou estas alertas, priorizando os intereses privados sobre o ben común. A elección de Palas de Rei non responde a criterios técnicos, senón á facilidade de acceder a permisos administrativos baixo o paraugas dun goberno cómplice. A Confederación Hidrográfica do Miño, xestionada polo Estado, impón controis máis rigorosos, mentres a Xunta, ao servizo de ALTRI, flexibiliza as exixencias ambientais.

A Xunta traballa para garantir á empresa acceso a 46 millóns de litros diarios sen as exixencias ambientais que imporía o Estado e se reclama desde a UE. A sociedade público-privada Impulsa Galicia, creada pola Xunta e Abanca, actúa como pantalla para canalizar fondos públicos cara a proxectos estratéxicos do capital. O memorando de entendemento con ALTRI mantense en segredo, amparándose en argumentos legais esvaradíos para evitar o escrutinio público. O Consello de Contas xa alertou da falta de transparencia, mais a Xunta insiste en tratar Impulsa como unha entidade privada, a pesar do seu control maioritario.

A conexión entre a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e Greenalia (cuxa ex-presidenta, Beatriz Mato, é histórica do PPdeG) revela a rede de influencias que sustenta este proxecto. Non é casualidade que a dimisión da directora xeral de Patrimonio Cultural coincida coa aprobación de informes que banalizan o impacto da cheminea de 75 metros —convertida en "icona" segundo a propaganda corporativa— sobre o Camiño de Santiago. A Xunta, en connivencia con Greenalia (capital local subordinado ao transnacional), actúa como axente intermediario do imperialismo.

Impulsa Galicia é o mecanismo para tratar de legalizar esta colonización, ocultando baixo confidencialidade acordos que hipotecan o noso territorio. A exclusión de ALTRI dos fondos Next Generation desmonta o relato da Xunta sobre a "inovación sostible". O Ministerio de Industria rexeitou financiar unha macrocelulosa que incumpre os criterios ambientais da UE, evidenciando que o proxecto é incompatible coa transición ecolóxica. Con todo, a Xunta insiste en utilizar diñeiro público para subsidiar á empresa, mentres recorta recursos en servizos sociais básicos.

A farsa da "economía circular": greenwashing para o saqueo

A retórica da "sostibilidade" de ALTRI cae fronte aos datos: necesitará 2,4 millóns de m³ de eucalipto anual, o que expandirá o monocultivo e aumentará o risco de incendios. A promesa de "emprego" é igualmente fraudulenta: só 281 postos directos, moi lonxe dos 2.500 anunciados, e vinculados a procesos automatizados sen transferencia tecnolóxica real.

As mobilizacións da plataforma Ulloa Viva e o informe do Consello da Cultura demostran que a cidadanía non se resigna ante a depredación do territorio por parte do capital transnacional. A batalla xudicial iniciada por ADEGA e a PDRA é unha ferramenta máis na loita contra a alianza PP-corporacións. Non obstante, a solución definitiva pasa pola organización política da clase traballadora para expropiar aos expropiadores. A oposición veciñal e o informe do Consello da Cultura desmontan a propaganda do "progreso". A batalla xudicial de ADEGA e a PDRA é necesaria, pero insuficiente.

Dende o PCG defendemos:

  • Planificación do sector forestal baixo control social.
  • Industrialización socialista que transforme localmente a madeira en produtos finais (tecidos, mobles), rompendo coa dependencia exterior.
  • Prohibición de megaproxectos extractivistas que esgoten recursos naturais e atenten contra a biodiversidade.
  • Rexeitar a alianza PP-ALTRI, que só trae máis dependencia e destrución.

O conflito de ALTRI non é entre "progreso" e "ecoloxismo", senón entre dous modelos de sociedade: o capitalista, que nos condena a ser colonia de recursos, e o socialista, que prioriza necesidades populares e soberanía produtiva. A Xunta, como brazo do gran capital, escolleu o primeiro.

O caso ALTRI é unha mostra máis de como o capitalismo depredador, coa complicidade do PPdeG, converte Galicia nunha colonia de recursos.

Comité Nacional

Categorías: Voz do Pobo

Comparte: