COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Vigo | O PCG fronte ao odio e o fascismo, solidariedade de clase

22 de xullo de 2025

Dende o Partido Comunista de Galicia (PCG) na comarca de Vigo queremos manifestar o noso máis firme e rotundo apoio ás diversas mobilizacións que se están a convocar en todo o Estado español, incluída a concentración que terá lugar en Vigo este mesmo 22 de xullo, en rexeitamento aos recentes actos de persecución e incitación ao odio contra a comunidade migrante en Torre Pacheco (Murcia).

Os feitos acaecidos en Torre Pacheco, onde elementos ultras e fascistas se deron cita para "cazar" e ameazar a inmigrantes, son unha mostra clara e preocupante da escalada de odio e racismo que a ultradereita, coa súa retórica divisoria e a súa constante vinculación da inmigración coa delincuencia, está a sementar na nosa sociedade. Esta estratexia non é nova: o fascismo sempre empregou a mesma táctica, o odio ao diferente, para desviar a atención dos verdadeiros problemas que afectan á clase traballadora e para dividir ao pobo.

É importante que o teñamos claro, a loita contra o racismo e a xenofobia é unha loita de clase. A violencia e persecución contra os inmigrantes non é senón unha ferramenta do capital para precarizar as condicións laborais de todos, para xerar unha competencia artificial entre a clase traballadora e para debilitar a nosa capacidade de loita colectiva. As traballadoras e traballadores, sexan de onde sexan, teñan a orixe que teñan, somos unha mesma clase con intereses comúns. Novamente, reafirmamos que a inmigración non é o problema; o problema é o capitalismo e as súas consecuencias: a precariedade laboral, os baixos salarios, a falta de vivenda digna e a privatización dos servizos públicos.

Fronte ao odio, a solidariedade. Fronte á división, a unidade da clase traballadora. É fundamental que as rúas e os nosos centros de traballo sexan espazos de rexeitamento firme a calquera manifestación de racismo, de xenofobia e de fascismo.

Categorías:

Comparte: