25 de xullo, día nacional de Galicia: planificación económica fronte á competencia global, a aposta do PCG para a soberanía que a clase obreira necesita.
Galicia, igual que o resto do Estado, camiña nunha senda de crecemento económico que non se fai notar no poder adquisitivo das familias da clase obreira. Os datos positivos que mostran os distintos indicadores agochan unha clara realidade: o aumento do beneficio empresarial e das rendas do capital dáse a costa dos salarios e da artificial suba dos prezos. Inditex rexistrou o seu maior beneficio trimestral ata a data. Vegalsa-Eroski aumentou as súas vendas e resistiu a caída de beneficios no sector de supermercados. Gadisa mantivo beneficios destacados durante a época da Covid. Megasa multiplicou os seus beneficios por oito grazas á subida de prezos de materias primas tras a guerra de Ucraína. E Nova Pescanova e Finsa tamén duplicaron os seus resultados en 2022. Todo isto segundo o Informe Ardán de 2022.
A solución a este empeoramento da nosa capacidade de consumo non pode seguir sendo derivar recursos públicos para financiar á clase empresarial. Non pode seguir sendo pagar ás multinacionais para facer negocio no noso país ou subvencionarlles, tendo como o exemplo a inversión en grandes proxectos privados a través dos multimillonarios Fondos Next Generation.
Neste 25 de xullo, reivindicamos a necesidade de que a loita polo noso país se apoiarse sen ambaxes en poñer a economía nas mans da clase obreira. A dependencia dos territorios aos intereses do capital é unha das armas máis eficaces que teñen para rexeitar a expansión de dereitos e de mellora das condicións de vida da nosa clase. Por iso, a soberanía que a clase obreira galega precisamos é a soberanía económica. Para diminuír todo o posible a capacidade de influencia política, social e económica das grandes empresas, das multinacionais e dos grandes propietarios debemos democratizar a economía, apostando de xeito decidido pola planificación e a nacionalización de empresas, recursos e sectores produtivos, apoiándonos nunha forte inversión en investigación e desenvolvemento tecnolóxico.
Dende o Partido Comunista de Galicia traballamos nun breve programa económico como punto de partida para acadar este obxectivo, co que pretendemos concienciar das posibilidades do noso territorio e as vías de mellora das condicións da clase obreira galega. Unhas vías que non pasan pola conivencia co actual poder económico, senón contra el.
- O fortalecemento dos sectores produtivos estratéxicos en Galicia é crucial para mellorar a súa contribución ao PIB nacional. Dous sectores clave son a produción de alumina e aluminio, utilizando infraestruturas existentes, e a industria naval, diversificando e modernizando a súa produción. A creación dun conglomerado público dinámico e integrador nestes sectores é esencial, xunto cun observatorio tecnolóxico para impulsar a innovación. Tamén se deben considerar construír buques especializados en minería mariña, reciclaxe de residuos mariños, investigación oceanográfica e acuicultura de alta mar. Galicia podería ser un punto focal do transporte marítimo europeo e debe manter o seu enfoque nas enerxías limpas para evitar deslocalizacións de empresas clave como Vestas e T-Solar.
- O sector forestal en Galicia conta cun potencial significativo, xa que representa o 70% do territorio pero cun 30% desaproveitado. Actualmente, só contribúe co 3,5% do PIB nacional. A clave para o seu desenvolvemento está nun plan estratéxico que reduza a superficie desaproveitada, promova a xestión sostible, potencie especies de alta calidade e fomente a investigación e desenvolvemento no sector. Tamén se debe impulsar a formación de cooperativas para mellorar a produción e transformación da madeira.
- O sector enerxético é crucial para o desenvolvemento da sociedade. A actual crise enerxética e o monopolio no sector resaltan a súa importancia. Unha medida esencial é nacionalizar as empresas hidroeléctricas en Galicia, creando unha Axencia Enerxética que dea prioridade ao sector. A planificación debe considerar o medio ambiente e promover o desenvolvemento de parques eólicos sen afectar áreas naturais. A soberanía enerxética require unha xestión pública de recursos hídricos. Galicia podería optar pola biomasa para manter os bosques e dinamizar o rural. O uso de biomasa debe ser planificado e combinado con outras fontes renovables.
- O sector primario galego experimentou un drástico cambio nas últimas décadas. En 1976, representaba a metade da poboación activa, pero na actualidade só ocupa ao 6.5%. A agricultura creceu en produción, pero a rendibilidade diminuíu debido a custos e cambios tecnolóxicos. As rías, antes diversificadas, agora céntranse principalmente na acuicultura do mexillón. A falta de estudos e regulacións axeitadas levou á precariedade da pesca e o marisqueo. Centros de investigación como Intecmar e CIMA deben ser fundamentais para abordar a biodiversidade afectada por factores climáticos e agrícolas.
- No noso Programa Económico, apostamos por fortalecer a investigación en Galicia para potenciar os sectores estratéxicos. Actualmente, o país inviste menos do 1% do PIB en I+D, moi por baixo da media da UE (2,2%). Débense identificar sectores prioritarios como novos materiais, biotecnoloxía e descarbonización, protexendo o medio ambiente. Tamén se debe apoiar ás PEMES e cooperativas e planificar a formación da forza laboral para adaptarse aos avances tecnolóxicos. O investimento debe aumentar gradualmente para alcanzar o obxectivo do 3% en quince anos, con énfases na educación e formación continua.
- A financiarización global desde os anos 80 concentrou o capital financeiro, subxugando a economía produtiva. En Galicia, a transformación das caixas de aforro en bancos provocou unha maior concentración do sector bancario. Dende o PCG, propoñemos a creación dunha banca pública orientada a fortalecer a economía produtiva, impulsando investimentos e apoiando sectores estratéxicos. A banca pública someteríase á planificación económica democrática e implicaría a inserción da planificación financeira na planificación produtiva.
- A baixa natalidade, o éxodo e a emigración interna levaron á persistente desertización demográfica en Galicia. A taxa de natalidade é de só 1,12 fillos/as por nai, mentres que a taxa de mortalidade é de 11,81 por cada mil habitantes. A emigración afecta negativamente o desenvolvemento, especialmente nas rexións de Lugo e Ourense, que perderon gran parte da súa poboación. Para abordar esta crise, propoñemos medidas como fomentar actividades produtivas en áreas afectadas, revitalizar o banco de terras e promover axudas familiares e servizos públicos.
- En Galicia, a situación da vivenda é problemática, cunha alta porcentaxe de poboación afectada por carencias habitacionais en comparación co resto de España. Actualmente, o parque público de vivendas conta con só 3534 unidades, tres veces menos que a media nacional e 30 veces menos que no ámbito europeo. Para abordar esta situación, temos que fortalecer o parque inmobiliario público destinado ao alugueiro, xestionado por municipios con apoio estratéxico da Banca Pública Galega e a Xunta de Galicia, e cun prezo máximo do 15% do salario mínimo. Tamén atraer poboación á área rural con vivendas a prezos alcanzables e transferir a titularidade pública todas as vivendas actualmente en mans da SAREB.
Descarga o programa económico completo do PCG