A comarca naval érguese por fin contra as políticas que impiden unha axeitada movilidade
A comarca de Ferrol está ligada á industria naval e a súa posición estratéxica no noroeste peninsular e nas rutas marítimas atlánticas. Pese a isto, leva décadas afundida unha crise económica e social á que o transporte público non é alleo. O deterioro e carencias das infraestruturas de transporte, en especial as ferroviarias, é unha realidade documentada por continuas novas xornalísticas e denunciada por organizacións veciñais, políticas e sindicais. Reflicte un modelo económico que prioriza o beneficio privado sobre as necesidades colectivas, que despreza as necesidades da clase traballadora e favorece intereses de elites financeiras. É un exemplo máis da contradicción inherente ó capitalismo entre a acumulación de capital e o benestar da clase traballadora.
A desinversión é a táctica coa que o capital ataca ós servizos públicos. Fomenta a depauperación, o desprestixio e o desuso co obxectivo estratéxico de pechar ou privatizar: pechar para "aforrar custes" ou privatizar para "regalar os beneficios a empresas amigas". Privatizar ou desatender o transporte público convirte o dereito á mobilidade nun privilexio. É outra agresión máis á clase traballadora ó excluír ós que non poden pagalo, que incrementa a desigualdade por limitar o acceso ó emprego, educación e outros servizos.
O transporte público é unha ferramenta esencial para a cohesión social. En termos marxistas, pertence á esfera dos medios de produción colectivos, necesarios para garantir a mobilidade dos traballadores e a circulación de bens básicos. Carecer dunha política de transporte axeitada fórza ós traballadores a depender do transporte privado, con custes para as familias obreiras. É outro xeito indirecto de explotación: dos salarios xa por si baixos, parte dos mesmos van a pagar servizos que serían públicos, gratuítos ou a un custe simbólico nunha sociedade organizada racionalmente.
Privatizar ou pechar servizos públicos rouba ás comunidades periféricas ou rurais o seu dereito ó territorio xa que o capital concentra infraestruturas en áreas xa desenvolvidas.
O ferrocarril, complementado coa rede viaria, é tamén un factor de cohesión territorial indiscutible e axuda a loitar contra a despoboación, ese certo colonialismo interior, reflectido na diáspora cara a cidades máis dinámicas. Privatizar ou pechar servizos públicos rouba ás comunidades periféricas ou rurais o seu dereito ó territorio xa que o capital concentra infraestruturas en áreas xa desenvolvidas. Así Ferrol, afastada dos grandes eixos económicos do Estado español, sofre unha dobre opresión: de clase e de territorio. Para integrar á nosa comarca en redes máis amplas é necesaria unha rede de transportes reforzada, ben conexionada, que facilite o acceso a recursos e rache co illamento histórico que perpetúa a pobreza.
O EXEMPLO CHINÉS
A globalización capitalista prioriza as rutas longas por vías marítimas e aéreas e as máis curtas por carretera, pero sempre controladas por multinacionais. Pola contra, China aposta por un sistema de transportes, en especial o ferroviario, estatal e planificado, investindo máis de 800.000 millóns de dólares dende o ano 2000 en construír a rede de alta velocidade máis extensa do planeta. O modelo de transporte publico chinés non responde a intereses privados, senón a unha planificación central que prioriza a integración territorial, o desenvolvemento industrial equilibrado e o acceso universal. China demostra que é posible outro modelo, que ten máis lóxica un Estado que planifica, que inviste en infraestruturas ao servizo do pobo e que non considera ó transporte público como gasto, senón como inversión cara ó futuro.
Debemos esixir ós gobernos unha planificación dos transportes adaptada á nosa realidade. O Estado debe asumir o control estratéxico, nacionalizar as infraestruturas e subordinalas ás necesidades sociais, non ás contas de resultados. A defensa dos servizos de transporte públicos é tamén unha loita contra a privatización do resto de servizos públicos, unha batalla contra a lóxica capitalista e as políticas neoliberais de PP e PSOE. Isto exixe presión social organizada: movementos veciñais, sindicatos e partidos de clase debemos esixir unha inversión masiva no transporte, en especial no tren, e sempre baixo xestión pública. No canto de decisións empresariais baseadas no lucro dunha minoría capitalista, a clase traballadora debemos participar na toma de decisións.
Marx escribiu que “os filósofos interpretaron o mundo de diversos xeitos; o que importa é transformalo”. Tirar cachos de muralla non é transformar Ferrol, é xogar ós decoradores. Transformar Ferrol comeza por garantir que os traballadores poidamos movernos eficazmente, mellor se é en tren. O futuro da comarca non pode escribirse sen vías; vías que deben levar-nos a un futuro máis xusto, máis igualitario e máis colectivo.
DATOS PARA O DEBATE
A comarca de Ferrolterra presenta importantes déficits estruturais no transporte:
-
Ferrocarril: A liña de FEVE (ancho métrico) entre Ferrol e A Coruña é lenta, obsoleta e con frecuentes incidencias. A conexión co resto de Galicia e coa meseta é indirecta e pouco competitiva, sen alta velocidade.
-
Estradas: A principal vía, a AP-9, non chega a Ferrol, que depende da AG-64 e da estrada convencional cara a A Coruña. Isto limita a capacidade e incrementa tempos de desprazamento. Hai tamén carencias en conexións internas na comarca.
-
Porto e navegación: O porto exterior de Porto de Ferrol (Caneliñas) ten gran capacidade pero infrautilización e problemas de accesibilidade terrestre e ferroviaria. O transporte marítimo de pasaxeiros é moi limitado.
-
Aislamiento relativo: A suma destes factores reduce a competitividade económica, dificulta a mobilidade diaria e contribúe á perda de poboación.
En conxunto, Ferrolterra sofre un déficit histórico de investimentos e planificación integrada no transporte.




