COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Ferrolterra | Sobre a protección do monumento en Memoria ás Vítimas do Franquismo

7 de setembro de 2025

En relación coa colocación dun valado negro no monumento en Memoria ás Vítimas do Franquismo no Parque Antón Varela, dende o Comité Comarcal do Partido Comunista de Galicia manifestamos:

Creemos na intención positiva de goberno municipal e organización das Meninas para protexer o espazo e evitar as imaxes lamentables do ano pasado nas que o monumento apareceu cheo de lixo. Lamentablemente, a boa intención resulta ensombrecida por unha chapuceira posta en práctica consistente en tapa-lo monumento cunha lona negra. Atopamos a medida inadecuada e contraria ao respecto debido ás vítimas, ás súas familias e á Memoria Democrática de todos.

É imprescindible que dende as institucións se fomente o coñecemento e o respecto indo un pouco máis aló das tópicas liturxias en datas sinaladas: a Memoria Democrática é un proceso de práctica, por exemplo, en situacións como esta, evitando converter un símbolo colectivo nun bulto anónimo e sombrío. 

Agardamos que o goberno municipal se asesore millor para adoptar solucións que concilien a necesidade práctica de protección co respecto pola dignidade do monumento e das persoas ás que representa. Así, pensamos que o órgano máis axeitado para consultar estas cuestións é o Consello Municipal de Memoria Histórica que, de seguro, aportará solucións que poñan en valor a nosa historia en troques de tapala.

Tendo en conta a próxima declaración de Ferrol como Cidade da Memoria Democrática, esiximos e confiamos en que goberno a corporación municipal adopten actitudes e metodoloxías máis acordes a este recoñecemento.

As vítimas do franquismo merecen memoria, verdade, reparación, xustiza e dignidade, non que volvan ser enterradas outra vez, agora, tras dunha lona.

En Ferrol, Cidade da Memoria

 

 

Categorías:

Comparte: