COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Fonda tristura no PCG polo pasamento do camarada profesor Xesús Alonso Montero

12 de febreiro de 2026

O Partido Comunista de Galicia (PCG) comunica e lamenta fondamente o pasamento do noso querido camarada profesor Xesús Alonso Montero, militante histórico do noso Partido dende 1962, catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.

Alonso Montero é exemplo de tenaz compromiso militante coa cultura galega, a xustiza social, a memoria republicana e a liberdade. Un compromiso coa vida mesma dun home tan íntegro como modesto, que padeceu a represión do franquismo e fixo da loita polos dereitos dos máis febles o eixo da súa vida intelectual e política.

A importancia de Xesús Alonso Montero para Galicia é inmensa. Pioneiro absoluto da sociolingüística galega, as súas obras denunciaron a situación de exclusión social do idioma e sacudiron a conciencia do país .

Montero, máis que profesor, foi mestre de mestres. Como investigador, dedicou a súa vida ás nosas letras: estudou a fondo a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro e Luís Seoane, entre moitos outros.

Como Presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia emprendeu unha das máis conmovedoras tarefas de restitución da dignidade dos que sufriron a barbarie franquista, recopilando as "Cartas de republicanos galegos condenados a morte".

Poeta, ensaísta, , profesor de instituto, conferenciante incansable, columnista, doutor honoris causa pola UNED e Premio das Letras Galegas en 2019. Mais por riba de todo, imos lembralo como el quería: un home bo e un militante comunista, un camarada.

O PCG ten hoxe tan fonda tristura como enorme orgullo de ter compartido con el loita e ideais. Enviamos un abrazo á súa familia, ós seus discípulos, ós amigos e a todos os que aprendimos del as leccións da xenerosidade do saber compartido e a firmeza dos ideais.

Adeus, camarada!

Categorías:

Comparte: