O PCG manifesta o seu total apoio á mobilización das traballadoras e traballadores do estaleiro Vigués MetalShips logo do despido de sete deles, entre os que estaban dous delegados sindicais e que o pasado luns comezaron unha folga indefinida.
Estes despidos, están enmarcados nunha clara estratexia de debilitar a capacidade de mobilización do sector. Como exemplo, coa fin de desfacerse de dous delegados sindicais, Manuel Rodríguez, director da empresa e tamén presidente do Círculo de Empresarios de Vigo, non tivo reparos en despedir a toda a sección de tubeiros. En total, son xa catro os delegados despedidos, dun comité de seis. Este comité destaca pola combatividade neste sector polo que estes ataques afectan directamente á capacidade de mobilización do sector naval.
A este respecto, o PCG denuncia que a actual lexislación laboral permite que os empresarios se poidan desfacer impunemente dos representantes dos traballadores e traballadoras. Esta lexislación laboral que deixa desprotexidos a estes representantes e permite apartar a quen se enfronta aos ataques aos e ás traballadoras, limitando a capacidade reivindicativa da clase traballadora.
Os despedimentos en MetalShips enmárcanse nun contexto de desmantelamento do estaleiro para desviar capital a outras empresas da mesma titularidade. Mentres caen as inversións na empresa, se reduce o seu capital e se despide a unha parte substancial do cadro de persoal baixo a escusa das causas económicas, a ganancia da parte empresarial aumenta con rendas de arredor de 150.000€ anuais. En definitiva, o conflito de MetalShips é unha manifestación da explotación da clase obreira na que o aumento das ganancias capitalistas convive coa inestabilidade e a precariedade dos e das traballadoras.
O PCG chama ao conxunto da clase traballadora e, en particular, ás e aos traballadores do sector do metal e do naval a apoiar a mobilización do persoal de MetalShips en contra dos despidos e da represión sindical. Non se trata soamente de que estean a despedir a compañeiros de forma inxustificada, senón que se trata de un ataque da patronal á capacidade de mobilización da clase traballadora no seu conxunto. Este ataque que ten que atoparse coa resposta contundente e organizada da nosa clase.
#ManuelRodmanEspeculador