O Comité Nacional aproba o Informe Político e o Plan de Traballo 2025-2026, centrados en vivenda, salarios, ecoloxía e feminismo
O Partido Comunista de Galicia chama á participación activa na xornada de loita por Palestina, “pese á potencial apertura de negociacións”
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2025 – O Partido Comunista de Galicia (PCG) celebrou este sábado o primeiro Comité Nacional do curso político 2025-2026, no que se aprobaron o Informe Político e o Plan de Traballo que marcarán a acción da organización nos vindeiros meses. O encontro serviu tamén para fixar posición sobre a primeira gran mobilización do curso: a xornada de loita por Palestina convocada para o 15 de outubro por organizacións sindicais en todo o Estado.
O Secretario Nacional do PCG, Jorge Crego, sinalou que “abrimos o curso político co compromiso de situar as grandes loitas da clase traballadora no centro da nosa acción: a vivenda, os salarios, a defensa do medio natural e o feminismo. Mais tamén coa convicción de que o internacionalismo é parte esencial da nosa identidade. O 15 de outubro temos unha oportunidade histórica de demostrar que a solidariedade co pobo palestino tamén se expresa nos centros de traballo galegos”.
O PCG insta á súa militancia a participar, promovendo declaracións de apoio nos comités de empresa e analizando as relacións das empresas galegas co Estado e co capital israelí, sinalando casos concretos de colaboración en liña co movemento BDS. “Trátase de visibilizar que os nosos dereitos laborais e a loita contra o xenocidio están conectados. Pese á potencial apertura de negociacións para poñer fin á actual invasión de Gaza, a solidariedade co pobo Palestino debe manterse para poñer fin á ocupación israelí”, advertiu Crego.
Ademais, o PCG anima a que as horas de paro se utilicen para realizar actividades de sensibilización nos centros de traballo, como charlas, lecturas de comunicados ou postas en común das demandas do pobo palestino.
Un plan de traballo para fortalecer a organización e a presenza social
No Informe Político aprobado polo Comité Nacional, o PCG denuncia o estancamento dos salarios, a carestía da vivenda e a precarización da mocidade, así como o impacto social e ambiental do modelo económico capitalista.
O Plan de Traballo 2025-2026 fixa como prioridades o fortalecemento da militancia nas comarcas, a consolidación da intervención nos movementos de vivenda e obreiro e a consolidación do feminismo como eixo transversal.
“O noso obxectivo é claro: que o Partido estea presente alí onde a clase traballadora loita, nos barrios, nos centros de traballo e nos movementos sociais. Non abonda con denunciar, hai que organizarse para transformar”, subliñou Crego.