COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

O conflicto das traballadoras da limpeza de Correos

23 de decembro de 2025

O que vivimos as traballadoras da limpeza de Correos non é un feito illado nin unha excepción: é o resultado dun modelo baseado na subcontratación, na precarización dos sectores feminizados e na desactivación do conflito cando se fai incómodo.

Tras meses sen cobrar en 2023, a asemblea de traballadoras foi fagocitada polas centrais sindicais para pechar o conflito, abandonar a acción directa e optar pola vía xudicial. Esa decisión provocou unha fonda fenda no cadro de persoal e deixou fóra a moitas compañeiras da aldea. Para elas, acceder á xustiza gratuíta non é unha opción real: sen transporte, con mala conexión a internet, dependendo de intermediarios, de desprazamentos e de citas imposibles na Seguridade Social, moitas quedaron sen cobrar simplemente por non poder reclamar.

A reunión que serviu para desconvocar a folga e volver ao traballo produciuse con Leire Díez como interlocutora. Xa daquela resultou cando menos estraño que unha xornalista, responsable de filatelia, mediase nun conflito do servizo de limpeza. Esta semana presenciamos a súa detención, e vimos como a UCO entrou en Correos para requisar documentación sobre contratacións.

Agardamos que esta investigación esclareza por fin por que en 2022 se lle adxudicou o contrato a unha empresa que non cumpría os requisitos para contratar co sector público, nun procedemento pechado e sen publicidade, e por que Correos non exerceu ningún control efectivo sobre o destino dos cartos públicos nin sobre o cumprimento das obrigas laborais.

Tras seis meses de impagos, confirmouse a adxudicación a unha nova empresa, Garbialdi, S.A. A precariedade non só non rematou, senón que se consolidou. Seguimos tendo problemas nas nóminas, falta de materiais para limpar, ausencia de formación en prevención de riscos, incumprimentos do plan de igualdade, imposibilidade de ampliar xornada ou promocionar, e ocultación sistemática das vacantes de categoría superior. Moitos destes incumprimentos só se corrixen tras denuncias reiteradas na Inspección de Traballo. A día de hoxe nin sequera nos entregaron o documento de subrogación no que conste que traballamos para eles, o que nos impide acreditar a nosa antigüidade real na empresa, motivo polo que foron sancionados.

Detrás de todo isto hai un modelo baseado na subcontratación como método de extracción de rendas. Empresas que viven do público mentres privatizan os beneficios e socializan a precariedade. Administracións que miran para outro lado mentres se incumpren convenios, normas de prevención e dereitos básicos.

Este modelo ten consecuencias que non sempre se ven: desgaste mental, desamparo, corpos rotos. Pero a precariedade tamén mata, ás veces de forma inmediata. Vímolo hai meses, unha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar foi asasinada mentres realizaba o seu traballo, soa e sen protección. Non foi un feito alleo a este sistema: foi o resultado das mesmas lóxicas que operan noutros sectores feminizados, externalizados e infravalorados, onde se normaliza a falta de prevención de riscos, o illamento laboral e a ausencia de responsabilidade por parte das administracións e das empresas concesionarias.

O que está en xogo non é só un contrato nin un conflito concreto. É a dignidade da clase traballadora, especialmente das mulleres. E fronte a un modelo que nos quere cansadas, divididas e caladas, a resposta só pode ser colectiva, consciente e de clase.

Categorías:

Comparte: