Este luns, 17 de novembro, foron despedidos case 1000 bombeiros forestais que traballaban en réxime de persoal laboral. Lonxe quedan xa (aínda que só van 3 meses) aqueles descursos da importancia da prevención, consignas do tipo “os lumes apáganse en inverno”, e a percepción dos bombeiros como heroes. Unha vez o monte remata de arder a paisaxe negra do Macizo Central, de Valdeorras, da Serra de Larouco ou da comarca de Verín non se aprecia dende as cidades onde se toman as decisións (unha vez máis).
Quen estea a ler estas liñas debe saber que o primeiro parágrafo é só a punta do iceberg. Hai bombeiros que traballan en peores condicións dos que foron despedidos onte. Contratos de 6 meses e incluso 3 con salarios entre un 20 e un 30% menos do que cobra un bombeiro da Xunta, caso no que se atopaban os 3 brigadistas feridos este verán no incendio de Oimbra (comarca de Verín). Heroes chamámolos, romantizando unha actividade laboral na que se deixan a vida por 4 duros. Ben distinto sería o descurso se cobrasen porriba da media; de seguro que poderiamos escoitar cousas do tipo: “é perigoso pero vailles no salario”, “que non se queixen tanto que 9 meses ao ano non fan nada”, ou cando houbese un incendio polo motivo que fóra seguro que o seu traballo sería denostado. Ninguén califica de heroe a quen traballa en condicións de estabilidade, salario e seguridade acordes ao risco que asume no seu traballo.
Ese é precisamente o punto ningunha actividade laboral socialmente necesaria precisa de heroes para desenvolvela, senón que precisa de profesionais que teñan estabilidade e podan construir a súa vida en torno a ela, que teñan tempo de formarse para mellorar, que estean ben dotados de materiais para previr accidentes e ser o máis eficientes que se poda no seu traballo, que podan planificar a súa actividade laboral e que esta non consista, no sentido figurado e literal da expresión en ir apagando lumes. Pero non, as institucións do Estado en Galicia opinan que pagar bombeiros en inverno é un gasto inútil que ningún beneficio reporta.
Aínda queda moito monte que queimar e cando chegue xuño volveremos falar de heroes para escribir este mesmo artigo en novembro.




