COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Galicia segue a ser terra de loita obreira: sen dereitos, non hai país

25 de xullo de 2025
Por Jorge Crego, Secretario Nacional do Partido Comunista de Galicia.

Galicia sempre foi terra de traballadores. Nos anos sesenta, predominaba o traballo no campo. Cando este escaseaba, mormente os homes galegos emigraban na busca de traballo. Neste primeiro cuarto do século XXI predomina o sector servizos, incluso máis do que predominaba a agricultura no pasado. Igualmente, en Galicia levamos décadas sufrindo a explotación capitalista. Cando en 1976 Santiago Álvarez identificaba no seu Ensaio encol do problema nacional galego o noso país como atrasado, sinalaba seguidamente que, pese a ese atraso, as relacións capitalistas de produción tamén eran determinantes en Galicia.

Case cincuenta anos despois, o desenvolvemento do capitalismo en Galicia explica tanto a situación de precariedade da clase obreira, compartida co resto de pobos do estado, como o atraso que aínda arrastramos. A clase obreira galega continúa a recibir salarios inferiores a media tanto europea como española, e isto non se debe a un atraso da nosa forza de traballo, senón á rémora dunha clase capitalista que aproveita as calidades sociais e naturais do país en beneficio propio. A imaxe medía dunha persoa galega xa non á dunha pequena campesiña da economía de subsistencia, senón da muller traballadora do comercio ao retallo, como as dependentas en loita que levan anos confrontando a INDITEX na loita por mellores condicións de traballo.

A Galicia da dependenta de Zara que loita por unha mellora de condicións non dista moito da Galicia das cigarreiras que en 1857 loitaban contra a perda de postos de traballo. Hoxe, como onte, o capital non entende de nacionalidade. Como afirmaran Marx e Engels, a produción industrial borra todo carácter nacional. Non existen vínculos que unifiquen os intereses de explotadores e explotados. A nosa realidade nacional perfila os contornos da loita de clase no país, mais non desdebuxa os trazos esenciais desta loita que é universal. Cada paso que dan os e as traballadoras na reivindicación dos seus intereses de clase deixa máis claro un antagonismo que non pode salvar o simple feito de compartir unha orixe nacional.

Por iso o capital galego espreme todo canto pode o traballo, empurrando os nosos salarios tan baixo como pode. Por iso a precariedade é unha constante da nosa mocidade, dos e das traballadoras da hostalería, das traballadoras temporais ou das fixas discontinuas. Por iso mesmo atiza con forza cada intento de organización e acción da clase obreira, como as dependentas das perfumerías Arenal ou o persoal do primeiro ciclo do ensino infantil. Neste ciclo, con maiores ou menores acertos e éxitos, os e as traballadoras teñen plantado cara ao encarecemento da vida esixindo mellores convenios, mais a patronal responde sempre dando prioridade a ganancia sobre o benestar e acudindo á violencia cando é preciso.

Ano tras ano, o mesmo salario cada vez chega menos para cubrir as necesidades básicas. O prezo da vivenda en alugueiro ten subido un 70% dende hai unha década, as vivendas dedicadas ao turismo case se duplicaron en catro anos. No marco capitalista, todo é susceptible de converterse en mercadoría e así sucede coa vivenda. En Galicia, o goberno liberal no económico e conservador no social do PP reduce drasticamente a construción de vivenda pública precisamente para favorecer o mercado habitacional. E mentres tanto, de media, os e as galegas teñen que esperar aos 30 anos para poder acceder a unha vivenda. A economía mercantil non responde aos nosos intereses e a política burguesa, que ben o sabe, continúa a protexer a mercantilización para beneficio duns poucos, que despois agradecen os favores con “mordidas” e portas xiratorias, corrupción ilegal e corrupción legal.

A realidade sociolingüística galega tampouco escapa ao dominio das relacións capitalistas de produción. A represión estatal directa, típica doutros tempos, non resulta necesaria nun contexto no que o capital organiza directa ou indirectamente todo tipo de relacións sociais. Por iso non é de estrañar que, nos espazos dominados polo capital, o uso do galego retroceda progresivamente. Así sucede nos centros de traballo, tanto nas comunicacións entre traballadores, cos xefes e coa clientela. Mentres que o 38% das persoas falan só galego coas parellas, só un 22% faino cos médicos, persoal de administración, da banca ou compañeiros de traballo, e só un 15% coa clientela. Os resultados nos medios de comunicación son especialmente diferenciais, cun predominio forte do uso do castelán. O certo é que o uso do galego por parte do tecido empresarial é, no mellor dos casos anecdótico e, no peor, unha burla ao idioma, como ten acaecido recentemente coa apertura dun Starbucks na Coruña.

Hoxe, como onte, Galicia continúa a ser terra de loita obreira. A explotación muda de rostro, mais non de esencia: o capital segue a impoñer a súa lóxica a costa do noso benestar, da nosa lingua e da nosa dignidade. Pese á forza do dominio das relacións sociais capitalistas e a represión política que as acompaña, a clase obreira galega sempre ten atopado o momento e a forma de reivindicarse como axente dunha Galicia solidaria e loitadora, de erguerse como representante dos mellores trazos dun país que non se resigna a sobrevivir baixo o xugo do capital.

Categorías:

Comparte: