O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia leva xa un mes desenvolvendo unha ampla campaña solidaria de recollida de material en apoio ao pobo de Cuba. A resposta popular superou con creces todas as previsións iniciais, logrando reunir xa máis de 3.000 quilos de axuda solidaria e material médico destinado á illa caribeña.
Desde o PCG queremos salientar que Cuba vive hoxe unha situación de emerxencia agravada polo criminal bloqueo imperialista exercido polos Estados Unidos, que leva máis de seis décadas impedindo ao país acceder con normalidade aos mercados internacionais para abastecerse de materiais sanitarios e recursos básicos. O pobo cubano sofre as consecuencias directas desta agresión económica, que busca asfixiar a súa economía e desestabilizar os avances sociais conquistados pola Revolución.
A pesar destas enormes dificultades, Cuba continúa a ser un exemplo de dignidade e solidariedade, da terca resistencia dun pobo orgulloso, polo que consideramos unha obriga internacionalista prestar toda a axuda posible para paliar os efectos dun cerco inxusto e ilegal.
A campaña solidaria permanecerá activa até o 5 de decembro, e convidamos a todas as persoas, colectivos e entidades que desexen colaborar a poñerse en contacto co Comité Comarcal do PCG mediante calquera das seguintes vías:
Enderezo : Rúa do Sol, 124 entrechán esq. – 15402 Ferrol
Teléfono : 623 976 567
Correo electrónico : ferrolterra@pcgalicia.org




