COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Cando a renda manda máis ca o traballo

4 de febreiro de 2026

Hai un dato que resume mellor ca ningún outro a crise da vivenda en Galicia: a renda dos propietarios de pisos alugados xa duplica a das persoas que viven de alugueiro. Non é unha metáfora nin unha percepción subxectiva. Son cifras oficiais manexadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo: arredor de 56.000 euros anuais de renda mediana no caso do propietariado fronte a pouco máis de 28.000 no do inquilinato, unha fenda do 99% que ameaza con superar o 100% nos próximos anos.

Este dato non é unha anomalía estatística nin unha consecuencia colateral da inflación. É a expresión dun modelo no que a vivenda funciona como mecanismo de transferencia de renda desde quen traballa cara a quen posúe. A través do alugueiro, unha actividade improdutiva no sentido estrito, extráese salario mes a mes a unha parte crecente da clase traballadora. Non se crea valor: redistribúese riqueza cara arriba.

Durante anos insistíusenos en que o alugueiro era unha opción flexible e moderna. Hoxe sabemos que é, para milleiros de persoas, unha trampa estrutural. Quen aluga en Galicia ten menos renda, máis incerteza e menor capacidade de aforro; quen arrenda, pola contra, ve como os seus ingresos medran nun mercado que non deixa de encarecerse. A desigualdade xa non se explica só polo salario, senón tamén pola posición no mercado da vivenda.

A situación agrávase coas renovacións de contratos previstas para 2026 e 2027. Se se asinan a prezos de mercado, a fenda entre propietarios e inquilinos superará o 103%. Mentres os salarios apenas se moven, o alugueiro segue funcionando como unha bomba extractiva que engorda rendas altas e empobrece a quen vive do seu traballo.

Neste contexto, as bonificacións fiscais aos propietarios por non subir o alugueiro resultan insuficientes cando non contraproducentes. Premiar a quen xa está nunha posición de vantaxe consolida a lóxica do rendismo. O problema non é un exceso puntual, senón aceptar como normal que un dereito básico dependa de pagar rendas cada vez máis altas.

Galicia desmonta tamén outro mito: aquí o rendismo non é só cousa de grandes fondos. É maioritariamente “popular”, exercido por persoas físicas cunha ou dúas vivendas en alugueiro e cunha renda mediana moi por riba da media. Iso non o fai máis xusto nin máis inocente.

Mentres tanto, o parque público segue sendo insignificante fronte a unha demanda que supera as 22.000 solicitudes. As poucas vivendas públicas que se constrúen non alteran un mercado dominado pola propiedade privada. Cando a renda manda máis ca o traballo, o que está en xogo xa non é só onde vivimos, senón que tipo de sociedade estamos a construír.

Categorías: Comité Nacional

Comparte: