O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia denuncia o covarde atentado perpetrado o pasado venres contra a sede do Partido. Un ataque que non é illado, senón que enmárcase no clima de crispación social, acoso e represión xeneralizado que a extrema dereita, a dereita extrema e a socialdemocracia están a impulsar en toda Europa.
A violencia fascista non é espontánea: é unha estratexia de intimidación contra os movementos populares, sindicatos e organizacións da clase obreira. Reprímese calquera voz que se opoña ó proxecto de opresión e explotación que prantexan para Europa.
Isto conta coa pasividade cómplice do goberno do PSOE que, agochado tras un soniquete permanente de palabrería baleira, permite a absoluta impunidade destes grupos. Esta noite tivemos o enésimo exemplo en Torre Pacheco: se en troques de hordas fascistas foran obreiros en folga do metal de Cádiz, a Policía de Marlaska os apalizaría con saña e hoxe xa teríamos ducias de detidos.
Os comunistas reafirmámonos na nosa histórica determinación de combater ó fascismo en todas as súas formas. Este atentado é unha mostra máis da violencia sistémica que prepara o terreo cara a deriva fascista que ven. Os gobernos reaccionarios en Alemaña, Gran Bretaña ou EEUU, utilizan á intimidación, a represión e o terror para eliminar calquera mostra de organización e resistencia popular e da clase obreira.
Chamamos á militancia, simpatizantes e a toda a xente de esquerda a unir forzas contra a ofensiva reaccionaria. Non podemos permitir que nos ameacen, que tenten silenciarnos ou que ataquen os nosos espazos. É hora de estar alerta, pasar á ofensiva e organizarnos para responder con firmeza. Como en outros tempos escuros, a autodefensa de clase é unha necesidade evidente.
Ós que nos atacan, advertímoslles: Non nos achantaremos. Cada ataque só fortalece a nosa determinación. Cada ataque terá resposta.
Ós que miran cara outro lado dende as institucións dicímoslles claramente: a pasividade é complicidade. Unha complicidade culpable da que teredes que render contas.
Chamamos a toda a clase traballadora, á mocidade combativa e ós movementos sociais a organizar unha unidade antifascista efectiva e real. Non hai espazo para a indecisión ou a indiferenza: ou combatemos unidos ou seremos derrotados por separado. Non imos agardar a novas agresións. A resposta debe ser a organización, a mobilización, a solidariedade e a resistencia activa e combativa contra os ataques fascistas.