COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

Voz do Pobo | A TVG posible dentro dun sistema imposible

5 de abril de 2027

O Telexornal sempre saca moi ben ao Partido Popular. Ben en canto a discurso, ben en canto á posición na escaleta, precedendo e respondendo a calquera crítica que se emita. Rueda deslumbra en Land Rober cada vez que vai —e vai demasiado. E a impresión que deixa calquera outro dirixente popular é similar lendo La Voz de Galicia ou o resto de grandes medios galegos.

O problema non é tanto que saian ben, senón que sempre saen ben. Ata cando miles de persoas inundan Palas de Rei para protestar contra Altri. Nese caso, un espectador da TVG percibirá que foron unha présa de manifestantes politizados contra a beneficiosa implantación dunha fantástica empresa ecolóxica.

Non podemos chamar a isto xornalismo libre, porque cando as empresas utilizan os medios como axentes políticos, o xornalismo deixa de ser o mecanismo que facilita a rendición de contas dos gobernantes ante os gobernados para ser un interceptor que reinterpreta e recontextualiza a comunicación segundo os intereses.

O 37% dos profesionais do xornalismo opinan que un dos problemas máis graves é falta de independencia política ou económica nos seus medios.

Mais, alén da terxiversación evidente da realidade —vulnerando o noso dereito constitucional a recibir información veraz—, a situación dos e das xornalistas de calquera destes medios impide un exercicio da profesión con fin de servizo público.

Segundo o Informe Anual da Profesión Xornalística feito pola Asociación da Prensa de Madrid en 2021, os principais problemas deste sector son, nesta orde, os baixos salarios —un 23% cobra menos de 1.000€ ao mes, sendo ata un 37% cando son «autónomos»—, a falta de independencia política ou económica nos seus medios, e o desemprego no sector.

Ben por precariedade laboral, ben por coaccións no centro de traballo —situacións absolutamente relacionadas entre si—, a carencia dun xornalismo libre afecta á nosa percepción do mundo e funciona coma unha arma potentísima contra o noso quefacer político. Porque, como dixo o profesor da Pompeu Fabra, Rodrigo Alsina, «a realidade social é creada polos medios».

A nova Lei de Medios Públicos Galegos

A recente aprobación da nova Lei de Medios Públicos Galegos afonda no control político e aumenta a externalización da produción dunha xa secuestrada e baleirada Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —a nova denominación da CRTVG. Pero, pode existir un xornalismo non dirixido desde o poder político e o económico?

Unha prensa democrática realmente ao servizo da clase traballadora? Dentro do capitalismo, difícil. Javier Esteinou Madrid, investigador mexicano, definiu aos medios de difusión de masas como “a punta de hexemonía do capitalismo actual”, tendo desprazado hai moito á escola e a outros tradicionais formadores de consenso social. Isto nos deixa só dúas opcións: derrubar ou conquistar

Comité Nacional

Categorías: Voz do Pobo

Comparte: