O pasado martes, a solidariedade co pobo palestino volveu tomar as rúas de Galicia, nesta ocasión no concello de Mos, onde unha concentración multitudinaria convocada por colectivos da comarca logrou paralizar a chegada da etapa da Volta Ciclista a España, obrigando á organización a adiantar a meta oito quilómetros respecto do punto previsto inicialmente.
A acción, firme e pacífica, supuxo unha vitoria simbólica e política da mobilización popular, fronte á participación do equipo Israel-Premier Tech, vinculado ao sionismo e á maquinaria de propaganda do Estado de Israel. A presenza deste equipo nun evento deportivo internacional como a Volta supón unha grave ofensa aos dereitos humanos, ao servir como lavado de imaxe dun Estado que perpetra un xenocidio contra o pobo palestino, tal e como sinalan numerosas organizacións internacionais.
Desde o Partido Comunista de Galicia, celebramos e apoiamos sen matices a acción desenvolvida en Mos, así como todas as mobilizacións que ao longo do percorrido da proba ciclista fixeron visible o rexeitamento dunha parte crecente da sociedade galega á complicidade institucional co sionismo.
Mentres continúan os bombardeos, o asasinato sistemático de civís, a destrución de infraestruturas básicas e o desprazamento forzoso de centos de milleiros de persoas en Gaza e Cisxordania, o silencio ou a equidistancia non son opcións aceptábeis. Non se trata dun conflito: estamos ante un proceso de limpeza étnica planificada, que cumpre todas as características dun xenocidio en curso.
A mobilización en Mos é unha proba de que a solidariedade internacionalista segue viva en Galicia e de que a presión social organizada pode ter efectos reais. Mesmo fronte a un forte dispositivo policial e a represión, a dignidade impúxose á pasividade cómplice das institucións.
Por todo isto, desde o PCG reiteramos a nosa esixencia:
👉 Que o equipo Israel-Premier Tech sexa excluído de toda competición deportiva internacional.
👉 Que se rompan os vínculos institucionais e empresariais co Estado de Israel.
👉 Que se reforce a mobilización popular e a denuncia constante do xenocidio en Palestina.
Non imos mirar cara outro lado.
Galicia non será cómplice.
Palestina libre, agora e sempre.