COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

25 de xullo: Vivenda, salarios e lingua. Un país para quen o traballa

21 de xullo de 2025

Dende o Partido Comunista de Galicia lanzamos a campaña para este 25 de xullo, Día da Patria Galega, centrada en tres eixos que forman parte da loita de clases en Galicia: vivenda, salarios e lingua. Tres dereitos fundamentais que, baixo o réxime capitalista, son negados á maioría social e convertidos en mercadorías ao servizo dunha minoría que acumula riqueza a costa do pobo galego.

A vivenda, convertida en luxo para a maioría

O acceso a unha vivenda digna é, para milleiros de galegos e galegas, unha carreira de obstáculos cada vez máis dura. Mentres os prezos soben por riba do 70% na última década, os salarios mantéñense estancados. A especulación inmobiliaria, a turistificación e a ausencia dunha política pública real en materia de vivenda están a expulsar a veciñanza dos barrios e obrigando ás novas xeracións a adiar indefinidamente a súa emancipación. O capitalismo converte o dereito a un fogar nun investimento para enriquecer fondos voitre, promotores privados e plataformas dixitais.

Salarios de miseria e precariedade estrutural

En Galicia, os salarios medios seguen por debaixo da media estatal, cunha forza de traballo cada vez máis precarizada. A suba do PIB non chega aos petos das traballadoras e traballadores, senón que engorda os beneficios das empresas. A temporalidade, os contratos a través de ETTs e a subcontratación son mecanismos conscientes do capital para maximizar beneficios a costa da inseguridade vital da maioría. Mentres tanto, sectores como a limpeza, a dependencia ou a hostalaría seguen sendo feminizados e infrapagados, perpetuando desigualdades estruturais.

A lingua, marxinalizada e desposuída de poder

A perda de falantes e a exclusión do galego de espazos clave como o ensino, os medios ou o mercado laboral evidencian que a nosa lingua está sometida á mesma lóxica de dominación que o resto de aspectos da vida en sociedade. As políticas da Xunta, lonxe de protexela, contribuíron ao seu retroceso. O galego é vítima dunha estratexia que favorece a hexemonía cultural do Estado español e impón a lingua dominante como única ferramenta de promoción social. Defender o galego é defender a nosa capacidade de organizarnos como pobo.


Neste 25 de xullo, no PCG chamamos a levantar a voz da clase traballadora galega e poñer no centro do debate político as condicións materiais da maioría social. Reivindicamos unha Galicia para quen a traballa, a fala e a constrúe. Porque non hai soberanía sen dereitos, nin patria sen clase obreira.

Vivenda. Salarios. Lingua. O futuro da nosa terra xógase nestes tres eixos.

Categorías:

Comparte: