COOKIE_INFO_HEADER

COOKIE_INFO_OK Usamos cookies propias e de terceiros para realizar análises de uso e medición do noso sitio web para mellorar os nosos servizos. Se continúas navegando, consideraremos que acepta o seu uso. Podes cambiar a configuración ou obter máis información aquí: Política de Cookies

2026-02-21 Comunicado conxunto do PCG Ferrolterra e o PCE (ml) en apoio ós Bombeiros de Ferrol

21 de febreiro de 2026

   Dende o Partido Comunista de España (ML) conxuntamente co Comité Comarcal en Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia, queremos trasladar, en primeiro lugar, o noso absoluto apoio, solidariedade e agarimo ao bombeiro ferido no recente incendio, a súa familia, compañeiros e amizades nestes momentos durísimos. A grave lesión sofrida é unha traxedia que nos conmociona profundamente e que non pode nin debe ser asumida como un feito máis, como risco ou consecuencia propia do seu traballo.

   Expresamos tamén o noso recoñecemento público ao Corpo de Bombeiros de Ferrol, unha das institucións máis nobres e abnegadas da nosa comarca. Son exemplo permanente de xenerosidade, esforzo, valentía e entrega sen límites ao servizo público, arriscando as súas vidas para protexer a toda a veciñanza. A súa laboura é imprescindible e ten o apoio e respecto da cidadanía, que debe traducirse en dispoñer de medios axeitados e condicións laborais dignas e seguras.

   O acontecido non é alleo á política de recortes, infradotación e desleixo habituais cando o Partido Popular toma o mando do goberno do Concello de Ferrol. As políticas de dereitas levan anos deteriorando os servizos públicos mediante orzamentos insuficientes, falla de persoal e ausencia de investimentos estruturais. Esta mesma estratexia de ataques deliberados aplican á sanidade, á educación e ó conxunto do público: precarizar, recortar e desatender. O resultado son servizos tensionados e traballadores expostos a riscos perfectamente evitables.

   Cómpre dicilo con claridade: a infrafinanciación, os recortes e as carencias de equipamento, dotacións e persoal que padece o servizo de bombeiros de Ferrol non naceron onte. Son o resultado dun proceso acumulado durante anos, dunha degradación progresiva arrastrada de gobernos anteriores que, con independencia das siglas, non priorizaron como debían a seguridade, a prevención e o reforzo dos servizos públicos esenciais. A responsabilidade histórica non dilúe a responsabilidade política actual; ao contrario, agrávaa, porque quen goberna hoxe coñece perfectamente a situación de quebra estrutural e, malia iso, decidiu non corrixila con urxencia, senon que contribuiu decididamente a empeorala.

   Consideramos intolerable que a situación de recortes, ataques e decisións neglixentes do alcalde José Manuel Rey Varela e o seu equipo, deriven en lesións gravísimas para un traballador público. Por iso esiximos a dimisión inmediata do concelleiro de Servizos, José Tomé López, pola súa manifesta incompetencia, pola súa incapacidade para garantir condicións seguras e pola súa neglixencia política, que roza o criminal cando o resultado é unha amputación, un dano irreversible, de por vida, para un traballador.

   Do mesmo xeito, esiximos a dimisión do alcalde José Manuel Rey Varela, que hai apenas dúas semanas tiña a indecencia de facer chanzas e poñer en dúbida a profesionalidade e honorabilidade dos bombeiros que se atopan de baixa médica por enfermidade. Tal cobarde declaración só pode emitirse dende o patetismo persoal e indixencia política, é impropia dun representante público e amosa unha absoluta falta de respecto cara ós que, a diferencia de él, si traballan arriscando a vida cada día ó servizo de todos. Hoxe, tras o sucedido, evidénciase con maior crudeza a gravidade da súa actitude mezquina e as súas declaracións miserentas.

   Facemos un chamamento á cidadanía e á clase traballadora de Ferrolterra para que apoien ós compañeiros traballadores do servizo de bombeiros nas súas xustas reivindicacións. Defender ós bombeiros é defender servizos públicos fortes, seguros e ben financiados; é defender a dignidade laboral e a seguridade de toda a veciñanza.

   Chamamos tamén ás forzas e organizacións de esquerda, ós sindicatos, a toda a clase traballadora da comarca a declarar a José Manuel rey Varela como persoa non grata e convidalo a que non se atreva a insultar aínda mais ós traballadores coa súa presenza o vindeiro 10 de Marzo ante o monumento a Amador de Daniel.

   Non imos calar ante a neglixencia política, temos que trasladar a presión e repercutir consecuencias contra os que, coas súas políticas criminais, agreden á clase traballadora. A vida e a integridade dos traballadores non poden quedar baixo a vontade egoísta da dereita e dos cómplices que os apoian por acción ou omisión.

Solidariedade, dignidade e loita!!

En Ferrolterra, a 21 de febreiro de 2016



 

Categorías:

Comparte: