Estatutos

Share

 APROBADOS NO XII CONGRESO DO PCG

15 DE MAIO DE 2010

 

Título I

Artigo 1.- O Partido Comunista de Galicia, pola súa historia e actividade forma parte do movemento obreiro, dos sectores sociais e da cultura que traballan e loitan na perspectiva da construción do socialismo e a realización plena do ideal emancipador do comunismo. O PCG ten como obxectivo estratéxico a superación de toda opresión nacional e a abolición da explotación capitalista.

O PCG ten personalidade política propia en función das características específicas, sociais, económicas, culturais e políticas de Galicia, e desenvolve de xeito creador e autónomo as súas propias alternativas e organización, de maneira solidaria e corresponsable co proxecto político común para o conxunto do Estado que representa o PCE. Xa que logo, o PCG é a federación galega do PCE.

O PCG é unha organización política da clase traballadora, das mulleres e os homes que teñen como obxectivo a consolidación e desenvolvemento dunha democracia plena – política, social, económica e cultural. O PCG afirma o dereito de autodeterminación e a defensa e pulo do autogoberno nacional no marco dun Estado Federal e Solidario, a transformación de Galicia coa superación das estruturas económicas, políticas e sociais que producen desigualdade e dependencia.

O PCG considérase parte das tradicións progresistas e revolucionarias e das loitas do pobo galego, desenvolvidas ao longo da súa historia.

O PCG baséase no marxismo revolucionario e nas achegas teóricas, políticas e culturais dos proxectos de liberación que teñen como obxectivo a democracia plena, a superación de calquera forma de explotación, opresión e alienación duns seres humanos por outros, a emancipación do ser humano e a construción do socialismo como negación dialéctica e superadora do capitalismo. O PCG é un partido laico e republicano.

O PCG sosterá de seu e proporá a Esquerda Unida o mantemento de relacións de solidariedade cos pobos, movementos e partidos que coinciden con estes obxectivos e traballan por acadar unha humanidade sen clases nen Estados. O PCG reitera o seu compromiso, definitorio da súa identidade, coa paz e a cooperación entre os pobos; o dereito universal ao traballo digno, a realización dos dereitos sociais, económicos, políticos e culturais das persoas; a conformación dunha sociedade que se funde nos valores da igualdade, a liberdade , a solidariedade e a xustiza; a radical igualdade e dignidade de todos os seres humanos sen discriminacións de ningunha caste.

O PCG afirma o seu compromiso feminista a prol da consecución da plena igualdade efectiva e real entre homes e mulleres, coa superación de todos e cada un dos vestixios do patriarcado que existen nas formacións económicas e sociais capitalistas.

O PCG afirma o seu compromiso para acadar unha sociedade respectuosa co medio natural que alberga a vida e, xa que logo, quen de deixar as xeracións futuras un medio natural en harmonía co desenvolvemento humano. Decrecemento sustentable

A democracia en todos os eidos da vida social é o eixo normativo sobre o que xira a actividade do Partido para artellar e construír a alternativa ao capitalismo.

A afiliación do PCG basea a súa relación política na igualdade e o respecto, fomentando na nosa acción partidaria a aplicación de medidas positivas que incidan na consecución da igualdade e a non discriminación por razón de sexo, orixe ou cultura, tanto na división das tarefas como no acceso a responsabilidades nos órganos de dirección. O grao de adicación ás tarefas do Partido é voluntario.

A afiliación ao PCG é incompatible con calquera xesto ou acto xenófobo, racista, sexista ou de calquera outra clase que entre en contradición coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

O PCG terá que garantir entre a súa afiliación o debate político e a formación. Os diferentes órganos de dirección deberán esforzarse por elaborar análises de conxuntura política para que o conxunto da afiliación dispoña de elementos de xuízo suficientes para desenvolver unha militancia consciente.

O PCG, que forma parte dende a súa creación de Esquerda Unida, coidará de que todas e todos os afiliados ao Partido se afilien e traballen en Esquerda Unida. O Partido en canto tal e a súa afiliación de maneira individual participa e se corresponsabiliza do desenvolvemento de Esquerda Unida, en tanto se conforme como movemento político e social, unitario e plural da esquerda transformadora e anticapitalista, á cal achega a nosa militancia e o traballo teórico, político, cultural e programático.

O PCG propiciará a presenza organizada da súa militancia nos diferentes movementos sociais e en particular no movemento obreiro para que dende o respecto a súa independencia, en tanto que militantes comunistas, participen no artellamento das alternativas á sociedade, goberno e Estado, non só dende as institucións senón sobre todo dende o conflito social.

A política e os Estatutos elaborados polo PCG son o marco da relación federal co PCE, aprobados sobre a base do interese común, como factor fundamental de cohesión e baséanse na defensa dos dereitos e liberdades do pobo galego.

O PCG emprega como símbolo a bandeira vermella coa fouce, o martelo e as letras P C G en ouro. Nos seus actos acompañarase da bandeira galega e a bandeira da República.

O himno do PCG é a Internacional comunista.
O idioma do PCG é o galego, lingua propia de Galicia.

Título II A afiliación ao PCG

Artigo 2.- Poden ser membros do PCG todas as persoas que acepten de maneira voluntaria a súa Política e os seus Estatutos, contribúan coa súa cota o sostemento económico do Partido e militen de maneira regular nunha das súas organizacións. Cumpridas esas condicións serán membros do Partido sexa cales for a súa nacionalidade e situación administrativa en relación coa actual lei de estranxeiría, a súa situación laboral ou de calquera outra índole, ou crenzas relixiosas.

O ingreso solicitarase ao Comité da Agrupación onde se vaia militar quen o someterá á Asemblea da Agrupación. En caso de conflito ao ser rexeitado pola Asemblea, decidirá en última instancia, o Comité Central do PCG, previo informe do Comité da Agrupación e oído o solicitante. O ingreso supón o dereito e o deber de adscribirse á organización correspondente de EU. Pertencer ao PCG implica o deber e dereito de participar en EU.

En caso de solicitar o alta unha persoa que con anterioridade desempeñase cargos de responsabilidade noutro partido, a decisión correspóndelle ao Comité Central do PCG.

En caso dunha petición colectiva de afiliación será estudada e resolta polo Comité Central do PCG.

Se a persoa solicitante tivese pertencido ao PCG con anterioridade, darase conta ao órgano inmediato superior o cal ratificará ou non o seu ingreso.

Artigo 3.- O carné é o documento que acredita a afiliación ao PCG, e representa o vencello que compromete o seu titular coa organización. Ás afiliacións novas, no intre de formalizar a súa incorporación, se lles entregará unha copia dos Estatutos e dos documentos congresuais vixentes.

Artigo 4.- A baixa na condición de afiliado/a producirase:

a ) Pola libre decisión da persoa afiliada, manifestada expresamente por escrito.
b) Pola libre decisión da persoa afiliada , manifestada de maneira tácita. Entenderase por tal cando a persoa deixe de aboar máis de 6 meses as súas cotas sen que alegue xustificación suficiente, unha vez requerido o pago por escrito. As persoas afectadas por esta modalidade de baixa deberán ser requeridas pasado un tempo a efectos de procurar a súa reincorporación ao Partido.
c) Por resolución sancionadora e firme dos órganos competentes do PCG e do PCE.
d) Por sentenza firme no caso da comisión dun delito que vaia en contra dos principios defendidos polo Partido.
e) Por defunción.

Título III Principios básicos de funcionamento

Artigo 5.- O funcionamento do PCG responde ás esixencias democráticas segundo os principios de democracia interna, dirección colectiva, acción unitaria e cohesión.

Artigo 6.- Democracia interna. A toma de decisións e a súa aplicación unha vez adoptados deben ser froito da máis ampla e libre participación da militancia nun debate de abaixo arriba e de arriba abaixo. A crítica e a autocrítica deben conducir ao debate político necesario e a súa posterior síntese, que non é a mera imposición da maioría nun intre determinado, senón a habilidade para atopar unha resultante dialéctica. A democracia interna susténtase no respecto escrupuloso dos acordos e as decisións tomadas.

O PCG recoñece a igualdade de todas e todos os membros do Partido, con independencia das funcións que exerzan na organización.

Todas as persoas elixidas para formar parte dun órgano de dirección poden ser revogadas polo mesmo órgano.

O PCG estabelece o principio de igualdade de xéneros como base do seu funcionamento e recoñecemento da participación paritaria de mulleres e homes como o rego da súa representación pública e orgánica.

Nos temas de grande importancia ou que atinxan á liña estratéxica do PCG convocarase un referéndum, cuxo resultado será vinculante. A súa convocatoria será a instancias do Comité Central ou á petición de alomenos tres Agrupacións Comarcais que representen 1/3 da afiliación. Á petición de comezo dunha Agrupación poderanse adherir outras, no prazo dun mes, até acadar a porcentaxe sinalada. Tanto a proposta como a celebración do referéndum deberán ir precedidas dunha campaña específica de información e debate.

Artigo 7.- Dirección colectiva. Todos os órganos do PCG desenvolverán a súa actividade de acordo co principio da dirección colectiva, para o que adecuarán os métodos de traballo internos que permitan a máxima participación dos seus membros nas fases de debate, resolución e execución. Para unha meirande eficacia, os comités do Partido crearán as secretarías que requiran cada un dos aspectos esenciais do traballo de dirección.

O PCG implicará ao meirande número posible da súa militancia na asunción de responsabilidades. O número de mandatos consecutivos non deberá exceder de tres para os cargos internos do Partido, sendo necesaria a elección por maioría cualificada do 65% do órgano correspondente para optar a ulteriores mandatos, agás nos comités de agrupación mediante acordo motivado e coa autorización do Comité Central.

Artigo 8.- A acción unitaria das e dos comunistas. O PCG, a súa militancia, actuará de maneira colectiva e organizada en calquera espazo plural que se artelle, achegando a súa política como colectivo en función do acordado polos órganos de dirección, expresión dos acordos acadados a partires do máis amplo debate. O cumprimento dos acordos, xunto á rendición de contas é a materialización da acción unitaria das e dos comunistas.

Artigo 9.- A cohesión. Baséase nos principios da democracia interna, a dirección colectiva e a acción unitaria. Xa que logo, as organizacións do PCG teñen autonomía para actuar no ámbito das súas competencias de acordo coa política e os estatutos do Partido. Todos os órganos do PCG serán elixidos de maneira democrática e funcionar e decidir de xeito colectivo de acordo co estabelecido nos presentes Estatutos. Os acordos deben adoptarse procurando á meirande participación e a síntese de opinións. É principio básico para a militancia o acatar e cumprir os acordos congresuais e os dos órganos de dirección correspondentes, acordos que deben ser aplicados por toda a organización. Os acordos e resolucións dos órganos superiores son de obrigado cumprimento para os inferiores sen prexuízo do dereito a manifestar a súa opinión internamente sobre os mesmos. Os órganos de dirección veñen na obriga de render contas e presentar balances do cumprimento dos acordos democráticamente aprobados ante os comités superiores e estes a presentar un informe – balanzo anual. Deben ser combatidas tanto as tendenzas centralizadoras que diminúen a capacidade e iniciativa dos órganos inferiores como as tendenzas localistas que prexudican a unidade de acción, a eficacia e os intereses xerais do Partido.

Artigo 10.- A cohesión é obrigada para todos os membros do Partido con independencia das súas funcións ou responsabilidades desempeñadas. Mais as e os camaradas con responsabilidades na dirección, sexa no Partido sexa nos proxectos plurais nos que participamos, e/ou que ocupen cargos institucionais, veñen obrigados en especial a conducir as súas actuacións coidando a cohesión interna, comprometéndose coa aplicación da política aprobada no seo do Partido.

Artigo 11.- As correntes dentro do Partido son un elemento de desintegración do mesmo. A afiliación do PCG absterase de tomar parte en correntes dentro dos proxectos plurais nos que participa a non ser que medie unha decisión dos órganos de dirección do Partido.

A militancia no PCG é incompatible coa pertenza a outra organización política que non sexa o Partido ou o movemento político e e social que é EU.

Artigo 12.- As plataformas de opinión terán sentido nos procesos congresuais e conferencias do Partido, e desaparecerán unha vez rematados os devanditos procesos.

Artigo 13.- Os acordos e resolucións adoptados nos órganos do Partido serán reseñados por escrito ou en acta para garantir o seu cumprimento e comunicados ao órgano superior inmediato. Actas e acordos que estarán ao dispor de calquera camarada ou órgano do Partido que os solicite.

Artigo 14.- O financiamento do PCG responde aos principios de transparencia económica, solidariedade, austeridade e corresponsabilidade do conxunto da militancia. Os recursos proveñen das cotizacións da afiliación, segundo os acordos do Comité Central, das achegas voluntarias da afiliación e simpatizantes, das actividades realizadas a tal fin, dos rendementos do seu patrimonio e actividades, dos ingresos previstos na lexislación sobre financiamento dos partidos políticos, da participación nos ingresos de EU ao través dos protocolos financeiros e da participación na Festa do PCE.
A comisión de Organización e Finanzas presentará ao Comité Central a rendición de contas do exercicio rematado durante o primeiro semestre do ano seguinte para o control e aprobación no seu caso. Para a execución do orzamento e a aprobación de gastos crearase a Comisión de Organización e Finanzas, composta polos responsables de organización e finanzas no Comité Executivo e polos responsables respectivos nas agrupacións comarcais. Súas son as seguintes competencias: presentación para a súa aprobación do orzamento; presentar a rendición de contas; aprobar os gastos do Comité Central; presentar ao Comité Central as modificacións orzamentarias. O PCG funcionará cun orzamento anual aprobado polo Comité Central dentro do primeiro trimestre. O Comité Central fixará as bases de execución e os criterios xerais para a configuración dos orzamentos de todas as organizacións do Partido.

O pago da cota pola afiliación se estabelece nos seguintes termos:
• A tendenza será a aboar o 1% do salario neto ou dos ingresos netos recibidos.
• A cota mínima será de 5 euros.
• A distribución porcentual da cota será dun 25% para o Comité Federal, un 25% para as agrupacións e un 50% para o Comité Central.
• 1 euro será para o sostemento de Mundo Obreiro, ou sexa que a cota mínima suma en total 6 euros.

O patrimonio do PCG cédese, por decisión voluntaria e soberana, ao PCE para a súa administración e rexistro, nas mesmas condicións que o resto das federacións do Partido.

Título IV Dereitos e deberes da afiliación
Artigo 15.- Son dereitos da afiliación:

  • Participar con voz e voto nas xuntanzas, actividades e decisións da agrupación onde se milita e en todos os órganos para os que se é elixido.
  • Elixir e ser elixido/a para os órganos de coordinación e dirección, para o que deberase estar ao corrente no pago das cotas.
  • Recibir información regular e puntual dos acordos, orientacións, actividades e situación económica do Partido. Recibir Mundo Obrero con cargo á cota.
  • Recibir formación teórica, política e cultural.
  • Formular peticións, suxestións ou cuestións de interese aos órganos de dirección e esixir resposta nun prazo máximo dun mes, ou dous se é diante do Comité Federal do PCE.
  • Coñecer con exactitude as críticas ou imputacións feitas sobre as súas actuacións, contar con medios axeitados de defensa e facer valer os seus dereitos diante dos órganos colectivos ou comités de ámbito superior, conforme cos tempos previstos nos Estatutos.
  • Expresar de xeito libre as opinións con relación ás propostas e decisións a debater nos órganos do Partido. O dereito aquí recoñecido terá a máxima protección cando se desenvolva no ámbito interno da organización. A protección á divulgación externa de opinións individuais darase tamén nos procesos previos á adopción das decisións ou posicionamentos políticos.
  • Valorar nas xuntanzas do Partido o traballo dos órganos de dirección e de calquera membro do Partido, con independencia do posto que ocupe. Cada camarada ten dereito a soster no Partido a súa propia opinión aínda que estea en desacordo coa opinión maioritaria, pero debe actuar acatando e desenvolvendo as directrices e decisións adoptadas por esixencia democrática de respecto ao resto de camaradas, de lealdade ao Partido e a prol da cohesión, unión e fortaleza do mesmo.
  • Recibir protección, incluso xurídica, en caso de ataques inxustos pola súa actividade política na forma que decida a dirección competente.
  • Coñecer a lista completa do censo de afiliación da súa agrupación de base, así como o número de adscrit@s na súa federación e no conxunto do Estado.
  • Para poder exercer os devanditos dereitos deberase estar ao corrente do pago das cotas correspondentes e ter unha antigüidade mínima de dous meses.

Artigo 16.- Son deberes da afiliación:

  • Participar nas xuntanzas da súa agrupación e realizar as tarefas que asuma de xeito voluntario.
  • Coñecer, difundir , defender e aplicar a política do Partido.
  • Ler, soster, apoiar e difundir os medios de expresión do Partido, facendo propostas para melloralos. Cumprir coas obrigas derivadas dos postos de responsabilidade que puidese ocupar.
  • Respectar, cumprindo e facendo cumprir, os acordos políticos e orgánicos dos órganos do Partido.
  • Absterse de facer declaracións, sexan a título individual ou colectivo, nos medios de comunicación sempre que as mesmas atenten contra os principios, políticas e acordos adoptados polo Partido, así como as que descualifiquen de forme directa ou indirecta a calquera camarada ou órgano do Partido.
  • Paga la cota ao Partido nos termos estabelecidos nestes Estatutos.
  • Colaborar na tarefa de actualización dos datos que de maneira regular se leve a cabo polo Partido, facilitando canta información e documentación sexa necesaria.
  • Apoiar en calquera fronte de masas ou ámbito de traballo do Partido as posicións políticas e as candidaturas, se as houbera, decididas de maneira orgánica en cada caso polo órgano competente do Partido.
  • As e os membros do Partido que sexan propost@s polas súas correspondentes asembleas de EU para asumir cargos públicos ou para calquera tarefa nos órganos de dirección política terán que contar co apoio dos correspondentes órganos de dirección do Partido.

Título V Órganos do PCG
Capítulo I. As agrupacións e os seus comités

Artigo 17.- A agrupación é a organización base do Partido. Poderán ser de carácter territorial, sectorial e de centro de traballo ou estudo. A súa tarefa principal é a aplicación da política do Partido, o desenvolvemento no seu ámbito e a elevación de propostas asemade da extensión e desenvolvemento organizativo. Cada agrupación constará alomenos de 5 camaradas.
A agrupación constitúe o espazo de traballo, reflexión, debate colectivo e formación das e dos camaradas para fornecer a nosa militancia da organización e coñecementos para a loita nos movementos sociais e no mundo do traballo.

A agrupación reunirase cunha periodicidade alomenos trimestral, ou a petición dun 25% da afiliación. Con carácter anual celebrarase unha asemblea para facer balanzo e proceder a elixir o Comité da Agrupación.

Artigo 18.- Son funcións das agrupacións as seguintes:

  • Coñecer, debater, defender e difundir os acordos e campañas da dirección do Partido, e aplicalos en función das características da súa contorna.
  • Participar na elaboración da liña política do Partido e elevar iniciativas e propostas de traballo para a súa toma en consideración polos órganos superiores.
  • Aprobar, modificar ou rexeitar as propostas do seu Comité.
  • Esforzarse por coñecer os problemas do seu ámbito de intervención, analisalos e traducilos en iniciativas e accións políticas concretas.
  • Encabezar as loitas dos sectores populares para a mellora das súas condicións de vida e pola transformación da situación política e social no senso da ampliación da democracia e a prol dos obxectivos do Partido.
  • Coñecer as organizacións sociais e culturais existentes no seu ámbito e relacionarse con elas. Coordinar e pular pola participación da militancia nos movementos sociais do seu ámbito.
  • Concretar os plans de traballo das direccións superiores.
  • Desenvolver unha activa política de finanzas que sirva a desenvolver os obxectivos do Partido.
  • Difundir Mundo Obrero e Utopías garantindo a súa presenza en calquera actividade do Partido. Todas deberán estar subscrita a ámbalas dúas publicacións.
  • Desenvolver un plan de afiliación coidando en particular da incorporación de mulleres traballadoras sexa cal for a súa situación laboral.
  • Coidar da creación e o afortalamento da XCG no seu ámbito de actuación.
  • Organizar anualmente o acto de entrega de carnés, e coidar da actualización dos censos e cotizacións.
  • Levar adiante plans de formación, dando traslado ao seu nivel dos aprobados nos órganos superiores.
  • Participar en cantos fronte de traballo se organicen dende as direccións superiores.
  • Participar en cantas mobilizacións convoque o Partido.
  • Organizar actividades culturais e de lecer.
  • Asignar a cada militante unha tarefa concreta e proporcionarlle os rudimentos de formación necesarios para cumprir esa tarefa da que deberá render contas.
  • Fomentar unha política de desenvolvemento de cadros.

Artigo 19.- Os Comités de Agrupación son órganos elixidos que desenvolven a política do Partido de maneira creativa no seu ámbito de competencia e asumen a función de coordinación e orientación das propostas do Partido. Veñen na obriga de desenvolver e pór en práctica as resolucións propostas e acordadas nas agrupacións e nos órganos correspondentes ao seu ámbito e superiores. Os seus acordos non poderán contradicir aos dos órganos superiores. Fixarán as súas secretarías segundo as súas propias circunstancias, mais en todo caso contarán coas seguintes: política, organización, finanzas, formación, muller e movemento obreiro.

Os Comités de Agrupación se reunirán alomenos cunha periodicidade mensual. Tarefas súas son a preparación das asembleas de agrupación e a súa convocatoria coa proposta de orde do día; o levar de actas das xuntas e o seu traslado aos órganos correspondentes e a militancia da organización; o velar pola aplicación da política do Partido e dos acordos dos órganos superiores;o manter a relación cos órganos de dirección de maneira que estes coñezan a actividade e opinións da agrupación, e esta saiba dos acordos dos órganos de dirección; o facilitar a agrupación a información necesaria para a realización da súa actividade política; o traballar para que a militancia estea ao corrente no pago das cotas e o informe periódico a agrupación do estado das contas elaborando un balanzo económico anual; o concretar e facer seguimento dos plans de traballo; o cumprimentar e manter actualizada a ficha da agrupación; o fomentar a creación de grupos de traballo por frontes que deberán artellarse en torno das secretarías, e a formación de cadros para a súa participación nas devanditas frontes; o organizar a difusión da prensa e publicacións do Partido; o concretar un plan de formación permanente que permita elevar o nivel e a capacidade de intervención da militancia na realidade na que intervén; o se esforzar por coñecer a problemática socio laboral e o entorno, mantendo relacións co tecido asociativo e fomentando a participación nel da militancia; o promocionar, a partires do coñecemento da militancia, das e dos camaradas en función da súa valía, capacidades, dispoñibilidade, entrega, formación, honestidade, coherencia, compromiso militante, iniciativa e autocrítica; o manter e fomentar a relación cos simpatizantes e colaboradores co Partido.

Capítulo II. O Comité Central
Artigo 20.- O Comité Central é o órgano superior do Partido entre Congresos, asume no grao máximo as obrigas derivadas dos acordos e resolucións congresuais e os das Conferencias Nacionais, asemade de todas as obrigas relativas a desenvolver a política do Partido e a atención e coordinación de todos os órganos e camaradas.

Como órgano superior de goberno, representación, administración e disposición do Partido, ten as máis amplas facultades que en dereito se requiran, sen limitación para realizar calquera acto ou negocio xurídico e para a plena actuación ante os tribunais de calquera clase e xurisdición no ámbito galego, e pode outorgar toda clase de poderes ou delegar facultades relacionadas -comprendida esta última – nos órganos do Partido, así como revogar unhas e outras.
O Comité Central componse cos membros elixidos no Congreso do PCG. O Comité Central organizará as responsabilidades e comisións que precise. Escollerá entre os seus membros a representación correspondente no Comité Federal. O Comité Central determinará o número de membros da XCG. O Comité Central reunirase cantas veces o considere necesario, cun mínimo de catro convocatoria anuais. As reunións do Comité Central as convoca o Comité Executivo. Tamén se convocará a petición dun terzo dos seus integrantes. As reunións do Comité Central se poderá convidar, con voz pero sen voto as persoas que se estime convenientes, previa proposta do Comité Executivo. Levantarase acta de todas as xuntanzas nas que conste de maneira expresa os acordos adoptados e serán remitidas a todos os membros do Comité Central e dos Comités de agrupación.

Os cargos políticos remunerados terán a duración temporal correspondente ao mandato do Comité Central. A contratación de persoal administrativo será polo sistema de oposición restrinxida e pública no Partido, cun tribunal composto por 5 membros do Comité Central.

Artigo 21.- Son competencias do Comité Central:

  • Dirixir o traballo político do PCG e avaliar a marcha política do Partido.
  • Organizar e convocar o Congreso do PCG.
  • Ratificar no seu primeiro Plenario ao Secretario Xeral do PCG.
  • Elixir de entre os seus membros os integrantes do Comité Executivo.
  • Acordar someter a reférendum aquelas cuestións que se consideren de interese.
  • Discutir e aprobar no seu caso o informe do Secretario/a Xeral que será presentado en nome do Comité Executivo.
  • Aprobar o orzamento e balanzo anual do PCG.
  • Cubrir as vacantes que se produzan no seo do Comité Executivo até o seguinte Congreso, incluída a Secretaría Xeral.
  • Presentar anualmente un balanzo de xestión perante o conxunto do Partido, para ser difundido ao través dos comités de agrupación.

Capítulo III. O Comité Executivo
Artigo 22.- Garante as tarefas de dirección do Partido entre xuntanza e xuntanza do Comité Central diante do que responde. Componse da Secretaría Xeral e dun número de camaradas que non exceda o 50% do Comité Central. Hase reunir alomenos 4 veces ao ano.

Capítulo IV. A Secretaría Xeral do PCG
Artigo 23.- Se elixe polo Comité Central na seu primeiro plenario. Correspóndelle garantir a dirección e a coordinación do traballo colectivo; presidir as xuntanzas do Comité Central e do Comité Executivo, podendo delegar circunstancialmente a presidencia noutro camarada do Comité Central. No funcionamento público do Partido é o seu representante máximo, agás no período de celebración do Congreso Nacional.

Capítulo V. A Conferencia Nacional

Artigo 24.- O Comité Central celebrará Conferencias Nacionais para o debate e ulteriores propostas sobre temas políticos con carácter monográfico cantas vecces sexa necesario e alomenos unha vez ao ano. As Conferencias as convoca o Comité Central. Asisten as e os membros do Comité Central e máis as e os camaradas elixidos segundo a normativa aprobada para a devandita convocatoria. A Conferencia Nacional non terá competencias para a elección de órganos. Na calidade de convidad@s, con voz e sen voto, poderán asistir as Conferencias Nacionais as persoas que garden relación cos temas obxecto da Conferencia, previa proposta do Comité Central.

Capítulo VI. O Congreso Nacional do PCG

Artigo 25.- O Congreso do PCG é o seu órgano supremo. Poderá ter carácter ordinario ou extraordinario. O Congreso o convoca o Comité Central, que determina a súa data, duración e normas. O Congreso ordinario se celebra cada catro anos, agás razóns de forza maior. O Congreso extraordinario convocarase a instancias do Comité Central ou de alomenos un terzo da afiliación.

Será deber dos órganos do Partido no marco dos debates congresuais o achegar para a súa análise nas agrupacións de base, xunto os documentos políticos stricto sensu, o Informe de Xestión, que analise o labor político concreto realizado polas secretarías e órganos de dirección con responsabilidade na xestión.

Acordada a convocatoria do Congreso Nacional, se distribuirán os materiais de discusión e proxectos elaborados cunha antelación mínima de dous meses respeito á celebración do Congreso, coa finalidade de garantir o tempo suficiente para un debate o máis amplo e participativo posible.

A celebración do Congreso Nacional do PCG procurará ter a máxima transparencia e a meirande difusión nos medios de comunicación sociais.

Artigo 26.- O Congreso Nacional do PCG o compoñen as e os afiliados elixidos para este fin segundo as normas aprobadas polo Comité Central. O seu número se determinará en proporción a afiliación. A circunscrición será a agrupación.

Serán membros natos as e os integrantes do Comité Executivo. As delegacións comporanse respectando as porcentaxes das votacións. Na sesión de apertura, a proposta do Comité Central saínte elixirase unha Mesa Presidencial, que asume a dirección do Partido até a lección do novo Comité Central. A Mesa Presidencial someterá a aprobación o regulamento do Congreso proposto polo Comité Central saínte. Ás sesións do Congreso asistirán como convidad@s, a proposta do Comité Central, as e os afiliados que se estime convinte, asemade das representacións doutros partidos, movementos, delegacións ou institucións.

Artigo 27.- Son competencias do Congreso Nacional do PCG as seguintes:

  • Elaborar as propostas políticas do partido para o noso país.
  • Discutir e, no seu caso, aprobar o informe de xestión do Comité Central.
  • Examinar o informe de xestión económica e plan de financiamento.
  • Examinar as cuestións estatutarias e, no seu caso, reformar os Estatutos.
  • Elixir, mediante voto secreto, directo e persoal, ao novo Comité Central e os seus suplentes, que se incorporarán como membros efectivos cubrindo as baixas caso de habelas.
  • Elixir a Comisión de Estatutos.

Título VI Resolución de conflitos e expedientes sancionadores

Artigo 28.- Os conflitos que xurdan na actuación política entre a afiliación e organizacións, ou entre diversas organizacións, trataranse de resolver mediante a discusión e o convencemento, que nunha primeira instancia dará lugar á intervención dunha comisión proposta polas partes en conflito. De non acadarse un acordo, intervirán as direccións respeitivas até o órgano nacional.

A potestade sancionadora ordinaria corresponde á cadea dos órganos de dirección do Partido dende o pleno da agrupación até o Comité Central.

En ningún caso as discrepancias no debate político ou a correlación de maiorías e monorías darán lugar por si mesmo a un expediente sancionador.

Os actos ou omisións realizados por camaradas do Partido, que consciente e intencionadamente atenten contra os principios, incumpran os deberes estatutariamente estabelecidos ou vulneren os dereitos da afiliación. da organización recollidos no título III dos presentes Estatutos, darán lugar – tralo correspondente expediente sancionador, ás sancións previstas no parágrafo seguinte. A sanción procederá únicamente cando coa persuasión ou a crítica non se modifique a actuación incorrecta.

As faltas poderán ser de tres graos: leves, graves ou moi graves. Leves son as condutas descritas no parágrafo superior que pola súa escasa repercusión non causara apenas danos ao Partido e a súa militancia, axuízo dos órganos competentes.Son faltas graves as condutas anteriormente descritas que si causaran danos ou prexuízos de consideración ao partido e a súa militancia, a xuízo dos órganos competentes. Constitúen faltas moi graves a reiteración das graves e aquelas que causen danos ou prexuízos irreversibles ou de extrema gravidade ao Partido e a súa militancia axuízo dos órganos competentes.
As sancións que se poderán impor, en todos os casos de maneira motivada, serán:

  • A amoestación, para faltas leves.
  • A destitución do cargo de dirección ou a inhabilitación para ser elixido para cargos de dirección ou representación por espazo de dous meses a dous anos, para as faltas graves.
  • A suspensión temporal de militancia de tres meses a dous anos para as faltas graves e moi graves.
  • A expulsión do Partido, de maneira exclusiva para as faltas moi graves.
  • As sancións imporanse atendendo á gravidade das infraccións que as motiva.

Artigo 29.- O procedemento sancionador se atén os principios de imperio da norma, igualdade, tipicidade, proporcionalidade, irretroactividade das disposicións agás sexan favorables ao imputado, presunción de inocencia, dereito a un expediente contradictorio, dereito sw audiencia nas fases de instrución e resolución, dereito a unha segunda instancia, prescrición dos ilícitos antiestatutarios e caducidade das accións.

A incoación do expediente artéllase como segue: corresponderá ao Comité onde milite ou exerza unha responsabilidade o camarada. O instrutor redactará un prego de cargo, que poderá ser contestado noutro de descargo polo afectado. A proposta de resolución, previa audiencia do interesado, será elevada ao pleno da agrupación, que procederá a impor a sanción ou a ao arquivo do expediente. No procedemento, os feitos poderán ser determinados e demostrados ao través da práctica de probas admitidas en dereito. A sanción de destitución dun cargo poderá ser adoptada polo propio órgano por maioría absoluta. As sancións poderán recorrerse no prazo dun mes dende a notificación ante o órgano superior, que resolverá no prazo máximo de dous meses. A interposición dun recurso suspende a executividade das sancións.

A desvinculación de EU por un camarada ou colectivo do Partido ocasionará a apertura dun expediente informativo e a súa consecuente resolución, de acordo cos Estatutos do PCG.

Artigo 30.- Na resolución de conflitos e expedientes sancionadores poderá intervir a Comisión de Estatutos. A súa función consiste en elaborar informes ou ditames sobre a interpretación, integración ou acomodo das normas ou condutas, que presenten discrepancias. As decisións acordadas nos ditames non son vinculantes, mais deberán ser tidos en conta polos órganos competentes nas resolucións que adopten e na súa motivación. Os ditames se emiten a petición da afiliación, comisións paritarias ou órganos de dirección.

Os membros da Comisión de Estatutos non poden pertencer aos órganos de dirección do nivel correspondente. O seu número e integrantes os determina o Congreso Nacional.
Título VII A Xuventude Comunista Galega

Artigo 31.- A Xuventude Comunista Galega é o referente xuvenil do PCG e a federación da UJCE en Galicia.

A XCG ten como finalidade orientar e organizar á mocidade traballadora e estudante con arelas revolucionarias e democráticas. O PCG ten o deber de promover a XCG en todas as localidades onde non exista, asemade de apoiar o seu traballo cos medios axeitados.

A/o Secretaria/o Política/o da XCG é membro do Comité Central e do Comité Executivo do PCG. A XCG participará en todos os niveis organizativos do Partido, de acordo coas normas estabelecidas polo Comité Central. Agás casos excepcionais non se permite a dobre militancia na XCG e no Partido.

A existencia da XCG non exime ao PCG da responsabilidade de asumir a problemática da mocidade traballadora e estudante.

Título VIII Esquerda Unida

Artigo 32.- O PCG consonte a súa tradición unitaria e consciente da necesidade actual de manter ese esforzo a prol da unidade dos colectivos, forzas políticas, sociais, movementos e persoas progresistas, anticapitalistas e alternativas vai continuar a pular pola participación organizada da súa militancia no movemento obreiro, nos movementos sociais e no proxecto unitario e plural da esquerda anticapitalista que é Esquerda Unida.

O PCG traballará por acadar unha Esquerda Unida movemento político e social. O PCG compromete o seu traballo no proceso de Refundación, no que participa dende os acordos das súas Conferencias e Congresos.

O PCG estabelece a súa relación con EU ao través do traballo persoal, individual e organizado da súa militancia, que achega o seu esforzo e actividade teórica, política, cultural e programática.

As decisións tomadas en EU vinculan á militancia comunista que deberá recoñecelas, difundilas, defendelas e aplicalas, sempre e cando estas non contradigan os principios, estatutos, estratexia, acordos congresuais e acordos do Comité Central do Partido.

As e os camaradas contarán en EU coa suficiente autonomía para exercer o seu traballo ou responsabilidade política dentro do respecto ás decisións adoptadas no Partido.

O PCG, no exercicio do principio de cohesión, non consentirá que a autonomía en EU da súa militancia sexa aproveitada para obstaculizar e no seu caso chegar a facer política antipartido e contra os ideais comunistas. As e os camaradas que incorran nestas prácticas serán responsables dunha falta tipificada nestes Estatutos como moi grave.

A cohesión do PCG en EU fraguase en torno dunha política, proxecto e órganos elixidos nos Congresos. Consonte o antedito, as e os comunistas trasladan a EU a política aprobada democráticamente e non se organizan como correntes de opinión en EU. O incumprimento deste parágrafo dará lugar a apertura dun expediente informativo.

O ingreso no PCG supón o dereito e deber de adscribirse á organización correspondente de EU.

Disposición adicional

En todos os aspectos non recollidos nestes Estatutos, sempre que non se opoñan ó establecido total ou parcialmente

Share