10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

Manifesto 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega O 10 de marzo é unha data fundamental para todas as traballadoras e traballadores de Galicia. Esta data lémbranos que a […]
Share

Manifesto 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

O 10 de marzo é unha data fundamental para todas as traballadoras e traballadores de Galicia. Esta data lémbranos que a solidariedade é un aspecto fundamental para constituírnos como clase e para conseguir unha sociedade máis xusta. Esa é a lección máis importante que extraemos dos episodios ocorridos en marzo de 1972 en Ferrol. Amador Rey, Daniel Niebla e todos os traballadores e traballadoras de Astano e Bazán demostraron que a unión, a camaradería e o compromiso son o camiño para facerlle fronte aos intereses egoístas do empresariado e para combater ao capitalismo.

Baixo este sistema ningún ano pode ser bo para a nosa clase, pero a última década foi especialmente dramática para todos e todas nós. O noso pobo está nunha situación de emerxencia. Cincuenta mil fogares galegos teñen a todos os seus membros en paro e en trinta mil destes fogares non entra ningún ingreso. Vivimos nun sistema socioeconómico que só busca perpetuar os privilexios e beneficios da clase dominante a pesar de manter a gran parte da poboación nunha situación de emerxencia. Lonxe do discurso triunfalista do PP e da súa prensa afín, os datos reflicten a crítica situación das e dos traballadores en Galicia: segundo os datos oficiais 27.225 persoas sufriron un accidente no seu lugar de traballo en 2019 e 43 perderon a vida, situándonos na cabeza da siniestralidade laboral de todo o Estado por número de empregados. É inadmisible que un só obreiro, que unha soa obreira, perda a vida no seu lugar de traballo. Os accidentes laborais non son froito da casualidade nin do fatalismo, senón dunhas condicións de traballo precarias. Está demostrada a vinculación da siniestralidade coa temporalidade no emprego, as xornadas de traballo longas, a sobrecarga e o estrés. É urxente cambiar as relacións laborais para que a seguridade das e dos traballadores sexan a prioridade, e non os beneficios do patrón. Son as nosas vidas ou os seus privilexios.

A Galicia que nos deixa o Partido Popular é un deserto industrial. A procura das grandes fortunas pola ganancia rápida fai que cada vez invistan máis en sectores como a vivenda ou o financeiro, coa conseguinte destrución de postos de traballo, especialmente no sector secundario da economía. Unha industria forte é fundamental para a creación de riqueza e para a estabilidade no traballo, non suxeita aos caprichos e temporalidade do turismo e do sector hostaleiro. As dificultades polas que está pasando as empresas electrointensivas demostran que precisamos políticas públicas de intervención estatal para a creación dunha industria potente que garanta a prosperidade do noso país. O sector naval é outra das “vítimas” dun sistema económico ineficaz. Vulcano pechou e Barreras, a pesar de ter carga de traballo, está en graves dificultades pola pésima xestión do accionariado. Créanse decenas de empresas auxiliares co fin de reducir custos: aumentando a temporalidade, reducindo os salarios e dispersando á clase obreira. Unha vez que a patronal non alcanza os beneficios desexados pecha a fábrica e expulsa ao paro a milleiros de traballadoras e traballadores. É urxente romper coa lexislación laboral xurdida tras a crise do capitalismo, por unha nova normativa que defenda ás e aos traballadores, a estabilidade do emprego e a creación de riqueza.
Agora a ofensiva ten que ser nosa: esiximos a eliminación da lexislación que protexe ao empresario e os seus beneficios. Os últimos 12 anos de crise serviron para que se normalice a pobreza da clase traballadora mentres a marxe de beneficio do capital non deixou de medrar. É o momento de marcar nós a axenda política: a redución da xornada laboral e da idade de xubilación, aumento do nivel impositivo sobre o capital e unha industria pública que adapte os modelos de produción ás esixencias da crise medioambiental e ás necesidades do pobo. Levamos dende o 2007 pagando a crise do capital, é o momento de dicir basta e avanzar cara a outro modelo produtivo. O actual sistema está esgotado, e xa non é posible dar resposta aos problemas das nosas vilas e bisbarras dentro do actual modelo como o demostra a crise das electrointensivas, do sector naval, da pesca ou o baixo prezo que se lle paga aos traballadores do agro polos seus produtos.

Share