NIN PRINCESAS INDEFENSAS, NIN MACHITOS VIOLENTOS

Este 25 de novembro un ano máis denunciamos que desde os gobernos non se dean solucións reais para rematar coas violencias machistas que sufrimos as mulleres. As solucións reais pasan […]
Share

Este 25 de novembro un ano máis denunciamos que desde os gobernos non se dean solucións reais para rematar coas violencias machistas que sufrimos as mulleres.

As solucións reais pasan por cambiar de raíz as relacións entre mulleres e homes. Transformar a sociedade dende a educación e erradicando a situación de desigualdade económica e social que aínda hoxe, en pleno século XXI, sufrimos as mulleres. A condición de cidadás de segunda perpetúanos en situación de dependencia e as veces de sometemento.

Desde o PCG queremos que se inclúa a educación feminista no currículo escolar. Unha materia avaliable máis, entendida como a educación pola igualdade entre homes e mulleres, que rompa os estereotipos e roles que cousifican os corpos das mulleres e nos atribúen traballos e actitudes que determinarán a nosa vida.

Nin queremos ser princesas indefensas, nin machiños violentos. Queremos unha sociedade corresponsable dos coidados, de homes e mulleres que se relacionen libremente, con respecto e en igualdade de condicións.

Dende o PCG esiximos unha lei contra a violencia de xénero que abrangue máis alá da violencia das parellas e exparellas. Unha lei que non permita interpretacións de nesgo patriarcal. Que non cuestione nunca máis a unha vítima de violación. Basta xa de manadas impunes e de xustiza patriarcal!

O avance do feminismo cuestionando as bases do sistema capitalista e patriarcal, está sendo atacado en distintas frontes, unha delas, a institucional, que ten o seu mascarón de proa en Andalucía, coa formación do trifachito: PP, C’s e Vox.

Os acordos adoptados en materia de violencia de xénero son a expresión dunha loita política e ideolóxica contra o avance do feminismo de clase e tamén que a loita de clases está atravesada pola loita contra o patriarcado.

En poucos meses no gobernos andaluz teñen posto en tela de xuízo as políticas públicas contra a violencia de xénero, as subvencións ás organizacións de mulleres e feministas, e tentan popularizar o termo violencia intrafamiliar invisibilizando as violencias machistas e o patriarcado.

Para o orzamento do 2020 teñen posto o foco no sistema educativo andaluz, acordando a posta en marcha do chamado “pin parental”. “Procederase a impulsar a igualdade de oportunidades no sistema educativo que permita ás familias educar aos seus fillos en liberdade, sen imposicións de ningún tipo, mediante o establecemento dunha autorización expresa das familias para a participación dos seus fillos en actividades complementarias”.

Atacan ao sistema público educativo, conquista da loita obreira e actual aliado da loita das mulleres pola igualdade, ao mesmo tempo que defenden que os fillos e fillas son un asunto particular das familias, despoxando a sociedade e ao Estado dos seus deberes coa educación e o benestar da infancia e adolescencia.

Dende o PCG facemos un chamamento a secundar as mobilizacións que dende as plataformas, colectivos e espazos feministas convoquen o 25N, Día Internacional contra as violencias machistas. Porque querémosnos vivas e queremos unha vida libre de violencias!

#Educación feminista

 

Share