NACIONALIZAR O SECTOR ENERXÉTICO PARA ASEGURAR A INDUSTRIA, O EMPREGO E A SOBERANÍA. O PCG RECLAMA SOLUCIÓNS PARA O SECTOR ELECTROINTENSIVO!

Pasan os meses e o Goberno do PSOE non dá solucións ao problema de Alcoa e do resto de empresas do sector metalúrxico electrointensivo, causado pola avaricia do sector enerxético […]
Share

Pasan os meses e o Goberno do PSOE non dá solucións ao problema de Alcoa e do resto de empresas do sector metalúrxico electrointensivo, causado pola avaricia do sector enerxético privatizado polos gobernos do bipartidismo e pola falta de control deste sector estratéxico polo Estado.

Están a demostrar o pouco que lles preocupa o emprego, a industria e a soberanía: só miran polos seus beneficios. Non lles preocupa o futuro de quen levantaron estas industrias, só buscan lucrarse do seu traballo e das necesidades da sociedade.

Ante esta situación, apoiamos a reivindicación de que se aprobe dunha vez por todas o Estatuto do Consumidor Electrointensivo, que daría a posibilidade de superar esta grave situación, algo que non sucede pola submisión do Goberno á Unión Europea, goberno antidemocrático dos grandes capitalistas de Europa que tanta castigou xa á clase traballadora cunha década de recortes de dereitos.

Pero máis aló desta medida inmediata, o PCG considera que só un sector público enerxético garantirá a existencia das diversas industrias hoxe en perigo. Industrias sen as que non hai soberanía, xa que sen elas o noso país quedará a expensas do mercado internacional para provernos de materias primas tan esenciais como o aluminio primario.

O PCG defende a nacionalización do sector eléctrico e loita para sumar toda a forza social e electoral necesaria para conseguilo. Pero a día de hoxe hai maioría parlamentaria suficiente, si o PSOE non volve tremer ante os poderosos, para crear unha empresa pública de enerxía que sirva ás necesidades do país e non ao afán de lucro dun puñado de ricos.

Reclamamos que, en último caso,  se aplique o artigo 128 da Constitución: non consentiremos perder estes sectores estratéxicos, polos empregos e pola soberanía.

Felicitamos a unidade dos cadros de persoal de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa na loita polo emprego e a industria ante este goberno indolente. As e os comunistas galegos sumámonos ás mobilizacións conxuntas que terán a súa seguinte parada na manifestación convocada este sábado 8 de xuño na Coruña.

Só coa loita obreira dobregaremos á UE, ao goberno e aos monopolios que especulan coa enerxía!

 

Share