[#Vigo] FOLGA POR UNHA ATENCIÓN SANITARIA DE CALIDADE NA ATENCIÓN PRIMARIA

A situación nos centros de atención primaria do SERGAS na Comarca de Vigo chegou a unha situación límite no que a precariedade refírese. As traballadoras do sector sanitario e pacientes […]
Share

A situación nos centros de atención primaria do SERGAS na Comarca de Vigo chegou a unha situación límite no que a precariedade refírese. As traballadoras do sector sanitario e pacientes soportan unha sobrecarga asistencial insoportable, falta de material, atrancos graves para derivación á asistencia especializada e falta de Dirección propia.

Ante isto, as profesionais da sanidade e os sindicatos CC.OO., UGT, CIG, CSIF e os dous sindicatos médicos, CESM e Ou´Mega convocaron unha folga na atención primaria para os días 9, 10 e 11 de abril na comarca de Vigo, que co apoio das sociedades científicas e os Colexios de Médicos de Galicia conseguiu expandirse ás catro provincias galegas.

Desde o PCG na comarca de Vigo apoiamos a folga convocada e sumámonos ás demandas de aumento na capacidade de planificación e xestión do orzamento e do persoal propio da atención primaria, aumento do persoal, acabar coa precariedade laboral e solución para o problema dos PAC (Puntos de Atención Continuada); ademais da apertura dunha Mesa de Diálogo para a Atención Primaria na que estean presentes sindicatos, asociacións profesionais e sociedades científicas, para elaborar un novo acordo sobre a mellora dá Atención Primaria.

A isto se suma a convocatoria de folga indefinida na limpeza nos hospitais a partir do 10 de abril. Convocada por CC.OO. e CIG.

Desde o Comité Comarcal chamamos a apoiar e acudir ás concentracións e accións programadas polas traballadoras:

  • 9 de abril ás 12:00: Concentracións nos diferentes centros de saúde que nos correspondan na nosa condición de usuarios da sanidade pública na comarca de Vigo.
  • 10 de abril ás 12:00: Concentración no Centro de Saúde de Rosalía de Castro en apoio ao persoal da atención primaria.
  • 11 de abril ás 12:00: Concentración na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
Share