O COMITÉ NACIONAL REÚNESE PARA MARCAR AS PRIORIDADES DOS PRÓXIMOS MESES

O Comité Nacional do PCG, reunido o sábado 26 de xaneiro, aprobou as bases políticas da actuación do Partido para estes meses. Un traballo marcado pola convocatorias de eleccións locais […]
Share

O Comité Nacional do PCG, reunido o sábado 26 de xaneiro, aprobou as bases políticas da actuación do Partido para estes meses. Un traballo marcado pola convocatorias de eleccións locais e a necesidade estratéxica de redobrar a incidencia na rúa e nos conflitos sociais.

Avanzar na inserción no mundo do traballo e no sindicalismo

O Partido Comunista de Galicia analizou, no informe presentado pola secretaria xeral Eva Sola, os principais focos da loita de clases en Galicia e os eixos de intervención para este trimestre destacando a firmeza amosada polas traballadoras e traballadores de diversas factorías galegas, coa lección insubstituíble do cadro de persoal de ALCOA.

Como destacou Eva Solla “a dependencia dos intereses empresariais logo da privatización dos sectores estratéxicos coma o da enerxía e o industrial deixa aos traballadores espidos ante os abusos e ao país privado de garantir os dereitos básicos.”

Este Partido desenvolverá unha intensa campaña de estudo e proposta programática en materia de futuro e alternativa industrial, cun primeiro chanzo nas actividades que se desenvolverán ao abeiro do 10 de marzo.

O Comité Nacional debateu sobre o estado dos servizos públicos, do sistema de pensións e, sobre todo, dunha sanidade que volve a situarse como unha das problemáticas de primeiro orde para a nosa clase ante a o deterioro das condicións de exercicio que están a padecer os profesionais da saúde. Neste senso, o éxito da manifestación de SOS Sanidade Pública do 10 de febreiro tórnase unha prioridade inmediata.

Camiñando cara a Folga Feminista

Faise evidente que o movemento feminista actualmente é un motor esencial para o cambio radical do sistema económico e político. Este potencial revolucionario fai que o movemento feminista teña a capacidade de desestabilizar os fundamentos do capitalismo.

Como partido feminista, defendemos a igualdade e emancipación das mulleres, polo que asumimos como propias as reivindicacións para o 8M: igualdade laboral e salarial, defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos, cese das violencias contra os corpos e reivindicación a corresponsabilidade e socialización dos coidados e das tarefas do mantemento da vida.

Ante isto, aprobouse unha resolución de apoio ás mobilizacións do feminismo unitario co obxectivo de fortalecer o encontro entre o movemento feminista e o movemento sindical que nos permitan avanzar na convocatoria da folga xeral.

A Unidade Popular, aceno das e dos comunistas

En canto á política de converxencia reafirmouse a aposta pola construción de extensas alianzas a nivel municipal que permitan dar continuidade ao traballo político emprendido no 2015. Incrementar as candidaturas participadas por EU e o PCG sobre a base de amplos acordos na esquerda será a garantía de que poidan existir sólidas alternativas nos concellos do país.

De igual xeito analizouse a situación do espazo de confluencia galego, golpeado os pasados meses pola irresponsable actuación de quen a través da suplantación do mandato democrático do conxunto de En Marea veu a rachar a pluralidade e convivencia interna do proxecto.

Malia o positivo traballo efectuado polas e polos comunistas constátase a falta de diálogo nun espazo, En Marea, no que o PCG xa non pode recoñecerse.

O Comité Nacional concluíu emitindo un saúdo solidario ao Consulado da República Bolivariana de Venezuela en Vigo fronte a tentativa de Golpe de Estado auspiciado polo imperialismo norteamericano e as forzas reaccionarias venezolanas.

Share