O PCG amosa o seu apoio as traballadoras do sector de elaborados de produtos do mar.

Share

 

O Partido Comunista de Galicia quere expresar o seu máis firme apoio ás traballadoras do sector de elaborados de produtos do mar, novamente en Folga durante os días 30 e 31 de outubro, en defensa de condicións laborais dignas e ante o bloqueo nas negociacións do Convenio Colectivo por parte da patronal.

Un convenio que afecta a máis de 9000 persoas en todo o Estado, 7500 delas en Galicia, altamente feminizado e precarizado, un dos ámbitos laborais máis representativos do impacto producido por anos de desregularización social, de degradación das condicións salariais e de emprego para as e os traballadores e das industrias de produción alimentaria en particular.

Falamos dun sector no que o promedio salarial non supera uns míseros 720 euros; cun índice de temporalidade de máis de tres contratos eventuais por cada fixo, e no que a porcentaxe de contratación a través de ETT´s alcanza o 75% do conxunto da masa asalariada. Empregadas, ademais, que desempeñan a súa ocupación en condicións extremas e especialmente penosas, pasando longas horas da súa xornada en cámaras de conservación en frío de ata 0 grados.

Un reflexo da pobreza laboral, que se estende agudizada sobre as mulleres, con baixos salarios e maior inseguridade e inestabilidade no emprego, e que serve de sustento a un réxime de desprotección absoluta, que provoca a incerteza laboral e vital permanente.

A intransixencia patronal na mesa sectorial do convenio, que xa fixo encallar a primeira rolda de negociacións iniciada en 2017, cando as traballadoras están demandando mínimos avances que permitan equiparar progresivamente as súas condicións laborais ao promedio do resto de asalariados e a necesaria e urxente subida para afrontar a elevación do custo da vida na última década, non deixa lugar a dúbidas de que o conflito ten un claro responsable.

A elevación do salario por convenio ata os 14000 euros anuais para as categorías inferiores, con revisións salariais acordes ao IPC; complementos por traballo penoso; a redución en 16 horas da xornada anual; limitacións á contratación por ETT’s ou a inclusión dun descanso sen desconto salarial, son algunhas das principais reivindicacións defendidas pola representación sindical. Unha aposta pola dignificación do posto de traballo, por unha vida digna para a clase traballadora.

Por todo iso, o PCG e a XC chamamos ao conxunto da clase traballadora á solidariedade activa coas empregadas de elaborados do mar, participando e apoiando as diversas convocatorias das centrais sindicais.

A UNIDADE É A NOSA FORZA, SOLIDARIEDADE DE CLASE. XUNTAS SOMOS MÁIS FORTES!

Share