Fuxir do sector servizos; unha necesidade na cidade de Vigo

Share

O Partido Comunista en Vigo (PCG) mostra a súa preocupación polo modelo de cidade que empresarios e institucións queren construír para Vigo.

O pasado 2017, Vigo colocouse como o núcleo de poboación galego que xerou máis emprego. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), a nosa cidade estivo á vangarda entre as sete grandes urbes en creación de emprego.

Lonxe deste titular, que pode parecer esperanzador, se analizamos os datos polo miúdo, podemos observar como a meirande parte destes novos postos de traballo están no sector servizos, onde empresas como Berskha (do grupo INDITEX), Unísono ou Bosch (do sector do Telemarketing) ofrecen traballo con condicións que levan ás traballadoras á pobreza en todas as súas vertentes.

Dos contratos asinados en decembro do pasado ano, 9 de cada 10 foron temporais o que aboca á clase traballadora á precariedade e a incerteza permanente.

Vigo, “a cidade fermosa”, co seu alcalde á cabeza, lonxe de utilizar as ferramentas ó seu alcance para pór fin á precariedade laboral, axuda a fomentar os empregos que xeran traballadoras pobres, o novo fenómeno social que leva á clase obreira á miseria.

O Partido Comunista en Vigo (PCG) mostra a súa preocupación polo modelo de cidade que empresarios e institucións queren construír para Vigo. Só co fomento do emprego estable e digno se pode chegar a unha saída da crise en favor das clases populares.

Share