Pasamento do Camarada Severino Domínguez.

Share

Na madrugada de onte, once de xaneiro, finou, á idade de cento dous anos, o veterano loitador contra a ditadura Severino Domínguez Rey.

Dende moi novo militou no Partido Comunista e durante a República foi dirixente do dito partido en Portonovo. Membro activo da Unión Agrario Mariñeira, ao triunfar en Galicia o golpe militar foi detido o 1 de agosto do 1936 e ingresado no cárcere de Cambados. Pasou logo por outros centros de detención, como o lazareto da Illa de San Simón e San Marcos de León e por un batallón de traballadores. Naquel tempo o enorme número de presos obrigou aos sublevados a converter en cadea case calquera edificio público.

Responsable do “Socorro Rojo” e dirixente das milicias, mantivo a súa militancia durante a ditadura, nas complexas condicións da clandestinidade.

En 1948 cae a organización comunista de Pontevedra. Son apresados e torturados Carlos Crespo Alfaya, Manolo Esperón, Freire, Peón, Ocampo, Barros e ata 75 militantes da provincia. Entre eles estaba Severo, responsable e secretario político do Partido Comunista en Portonovo; acúsano de difundir propaganda clandestina e exemplares de Mundo Obrero e “El Guerrillero”. Foi condenado a dous anos de prisión por un delito equiparado ao de rebelión militar.

Contrariando a idea de que “na política estase para medrar”, os loitadores antifranquistas foron capaces de arriscar as súas vidas sen esperar nada persoal a cambio. De sufrir cadea e non por elo abandonar a súa actividade. Esta actitude valente e sobre todo ética non debe caer no esquecemento. Loitadores como Severo son un exemplo a valorar e recordar. Cando se apaga a súa vida, pérdese unha parte da historia, sen dúbida a máis valiosa.

Severino Domínguez foi homenaxeado polo Concello de Pontevedra o cumprir os cen anos. Homenaxe merecida, máis que pola súa lonxevidade, pola súa traxectoria.
Pontevedra, 12 de xaneiro de 2018.

Share