[Vigo] Campaña contra os xoguetes sexistas

Share

Dende a Agrupación Local do PCG en Vigo, presentamos esta campaña pola concienciación educativa, e polo boicot contra os xoguetes sexistas e as xogueterías ou
superficies que os venden.

Desenvolverase durante os meses de decembro e xaneiro, dirixíndonos principalmente a familiares que vaian regalar xoguetes a nenos e nenas na cidade.

Tanto pequenas xogueterías como grandes superficies, seguen reproducindo os roles sexistas que históricamente defendeu e defende o modelo hetero-patriarcal. Neste caso, as vítimas son as nenas e nenos. A niñez é un periodo clave no desenvolvemento psicolóxico e social de calquera persoa, polo que os xoguetes que encorsetan os pasatempos, as relacións sociais, a identidade sexual, ou unha futura orientación sexual ou futuro profesional, son importantes condicionantes para manter o sistema cultural que acaba reprimindo e discriminando a mulleres e persoas LGTBI.

Os denominados “xoguetes para nenas” (case sempre rosas), o que conseguen é normalizar a idea de que o futuro dunha muller está nos coidados familiares e do fogar; sempre servicial, sen aspiracións intelectuais nin persoais, e dependente do seu marido. O costume de regalar cociñas, útiles de limpeza ou supostos produtos de beleza, trasladan ás nenas a idea de que ese é o seu espazo natural. Ademais, a exclusión dos nenos como posible público dos xoguetes antes citados, afástalles de asumir nun futuro unhas tarefas de coidados, que perpetuarán comportamentos machistas en relacións sociais, persoais e profesionais.

Ademais, o relato “tipo” sobre cabaleiros e princesas (ao que aludimos na campaña), trasládanos constantemente a unha historia onde a muller depende do home e ten que ser salvada por este. A través dos xoguetes ou xogos, estamos case determinando aos nosos fillos e fillas a reproducir roles e actividades que non só van danar o seu proceso de desenvolvemento social e psicolóxico, senón que o día de mañá, serán esas mesmas persoas as que discriminen ou sufran discriminación. As que opriman ou sufran opresión. Educar en igualdade e valores é un elemento imprescindible para construír unha sociedade menos machista e polo tanto máis xusta.

Estas festas, non compres xoguetes sexistas, nin compres onde os vendan. Por unha infancia en valores.

Share
Etiquetas: ,