[VIGO] [OBREIRAS] Algunhas ensinanzas da folga en Bershka

Share

Entre finais de outubro e comezos deste mes de novembro as traballadoras das 5 tendas da provincia de Pontevedra da firma pertencente a Inditex, Bershka, convocaron a primeira folga dunha das firmas do grupo de Amancio Ortega en España. Paro que foi secundado polo 100% das traballadoras, mantendo un pulso cunha das maiores multinacionais do mundo.

Unha folga indefinida, a que levaron adiante as traballadoras, que nos demostrou mais unha vez que por moi grande e forte que sexa o Capital, por moi grande e multimillonario que sexa o Patrón, máis grande é a forza da clase traballadora organizada na loita polos seus dereitos.

As traballadoras cobran 130 euros menos que as súas compañeiras noutras provincias como na Coruña, reclaman permisos por lactancia, excedencias, pluses ou o fin da obrigatoriedade das horas complementarias en detrimento do aumento da xornada laboral.

É importante salientar que a totalidade do cadro persoal está formado por mulleres, a maioría de entre 30 e 40 anos. Somos nós, as mulleres obreiras as que sufrimos maior explotación, somos sabedoras de como o Capital se alía co Patriarcado para afogarnos aínda máis.

Bershka tivo un volume de negocio de 2012 millóns de euros o ano pasado, son 3157 os millóns de euros de beneficio neto do grupo Inditex no ano 2016.

Namentres as traballadoras loitamos día a día por mellorar as nosas condicións de vida, as empresas aumentan os seus beneficios a costa do noso traballo, a costa do noso descanso e a costa da nosa saúde.

As traballadoras de Bershka, como antes fixeron os estibadores, as traballadoras de Médicos Sen Fronteiras ou as e os traballadores de Deliveroo ensináronnos que só con loita e organización podemos vencer.

Share