O PCG AMOSA O SEU APOIO AS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE MSF E CONDENA A REPRESIÓN SINDICAL A MODO DE DESPEDIMENTOS QUE ESTÁ LEVANDO A CABO A ONG.

Share

O Partido Comunista de Galicia cualifica a política laboral de Médicos sen Fronteiras como pura explotación laboral , precarizando as mozas e mozos captadores de persoas socias, a través da aplicación de cláusulas abusivas e completamente inconcibibles para unha organización que vive e se nutre economicamente a través da explotación do concepto de solidariedade e xustiza social.

Estas captadoras e captadores vense a diario no punto de mira do despedimento ao non poder cumprir coa cláusula que di que de non chegar ao número esixido de de socias e socios, poderán prescindir do seu traballo, cláusula de dubidosa legalidade que, a día de hoxe, atópase xudicializada á espera de sentenza firme do TSXG, e, a causa da cal, só en Galicia supón máis dun 80% de rotación de persoal.

Pero máis intolerable e absolutamente condenable é que, cando esas mozas e mozos deciden organizarse sindicalmente, para denunciar tal cláusula a través da representatividade sindical e da denuncia perante os tribunais, a resposta de MSF sexa a total represión en forma de despedimento exemplarizante dun dos traballadores que están levando a cabo a loita pola defensa dos seus dereitos.

É necesario que toda a sociedade, e aquelas persoas que, dun xeito altruísta e con toda a boa vontade colaboran economicamente con MSF, sexan conscientes de a quen están depositando a súa confianza e cartos cada vez que pagan unha cota. Cotas que veñen a supoñer ao redor de 70 millóns de euros ao ano para esta empresa/ONG, e, sexan tamén moi conscientes das condicións laborais que están a vivir esas persoas que todos os días atopamos nas rúas do noso país, traballadoras e traballadores que tratan de amosar unha faciana amable do que realmente é un ente que mistura a solidariedade coa avaricia, como o que é Médicos sen Fronteiras.

 

 

Share