[A CORUÑA] HOMENAXE AOS CAMARADAS JOSÉ GOMÉZ GAYOSO E ANTONIO SEOANE

O Cemiterio Civil de San Amaro acolleu o pasado 6 de novembro a conmemoración do 68 cabodano do asasinato polo réxime franquista dos camaradas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane […]
Share

O Cemiterio Civil de San Amaro acolleu o pasado 6 de novembro a conmemoración do 68 cabodano do asasinato polo réxime franquista dos camaradas José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Un ano máis, o Partido Comunista de Galicia reivindicou a memoria de loita, resistencia e dignidade de tantos homes e mulleres que deron a súa vida polos ideais democráticos e de transformación social, e que ten o seu exemplo máis xenuíno na figura destes dous dirixentes comunistas axustizados a garrote vil no Campo da Rata en 1948.

A apertura do acto correu a cargo de Alberto Vilariño, agradecendo en nome da agrupación coruñesa do PCG a asistencia para recordar “o aniversario dun acto ignominioso que non foi se non un máis dos que se deron contra os comunistas no pasado século”. Recordou ademais a coincidencia co aniversario da revolución de outubro “faro de esperanza para demócratas que como os hoxe evocados fixeron da causa da emancipación o horizonte da súa vida”.

A moza comunista Paula Vázquez, asumiu a herdanza de loita e sacrificio da clase obreira destacando que “como militantes da Xuventude Comunista sentímonos guerrilleiras e fillas de todas e cada unha desas heroínas. De todas e cada unha das camaradas que o deron todo por, como dixo Benedetti, chegar a abolir o inxusto. Un pasado que, por moito que algunhas queiran denostar, nós xa coñecemos ben”.

Xesús Redondo Abuín, histórico militante, activista e sindicalista represaliado no franquismo, defendeu o papel histórico do movemento guerrilleiro considerando que “foron homes e mulleres de empuxe milenario, con Gayoso e Seoane como dous seus máis álxidos capitáns, dous baluartes contra a barbarie”, recoñecendo neles a firme vontade dunha clase “por cambiar o mundo de base, radicalmente, nos seus alicerces”.

Doutra banda, Xesús Alonso Montero, presidente do Foro pola Memoria Republicana e da Real Academia Galega, recordou que “en Gayoso e Seoane non só estamos homenaxeando aos comunistas que caeron, honramos a todos aqueles que na súa época, antes e despois combateron ao fascismo. Mulleres, republicanos, galeguistas, laicistas, por todos eles vai este acto”. Así mesmo, reivindicou a ensinanza e valor das letras como ferramenta crítica ao servizo do ser humano e “de aqueles que como Curros Enríquez, Manuel Antonio, Valle-Inclan ou Rosalía de Castro se serviron da palabra para dotarnos dun instrumento máis afiado co que esixir o noso”.

Para finalizar, Eva Solla, como secretaria xeral do PCG, defendeu que “non bastarían dez,  vinte, trinta anos para homenaxear a todos os nosos camaradas caídos por defender a democracia. Orgullo que sentimos non só polo que representan para o propio Partido Comunista, se non porque iniciaron o camiño da resistencia antifranquista e da forxa do futuro dos nosos dereitos”. Ao fío das iniciativas que nos últimos anos ven desenvolvendo o Partido en materia de dignificación da memoria sinalou que “resulta unha vergoña que os xuízos do réxime franquista e as súas consecuencias sigan sen ser anuladas. Non hai paz nin democracia, sen verdade, xustiza e reparación. Son eles e elas os verdadeiros demócratas que fixeron que hoxe esteamos aquí. Nunca máis os que gobernan en Galicia e no Estado poderán arrogarse esa virtude, nin tampouco os dereitos conquistados”.

Ao son da Internacional o acto concluíu cunha ofrenda floral no monumento erguido no seu recordo.

VÍDEO

Share