[Vigo] O PCG E A XC EN APOIO ÁS TRABALLADORAS E TRABALLADORES EN FOLGA EN DALPHIMETAL-TRW

O pasado mércores 13 de novembro, a empresa Dalphimetal-TRW procedeu ao despedimento de 28 traballadores e traballadoras do centro de traballo do polígono de Caramuxo de Vigo. Estes despedimentos prodúcense […]
Share

O pasado mércores 13 de novembro, a empresa Dalphimetal-TRW procedeu ao despedimento de 28 traballadores e traballadoras do centro de traballo do polígono de Caramuxo de Vigo. Estes despedimentos prodúcense trala anulación dun ERE declarado ilegal hai un ano e constitúen unha manobra da patronal coa única finalidade de profundizar dentro da súa estratexia de deslocalización da produción.

A empresa TRW pretende xustificar os despedimentos en base a que non existe suficiente carga de produción para manter ditos postos de traballo. Pero a realidade é moi diferente xa que esta empresa, que ademais é receptora de subvencións públicas, conta con 3 fábricas en Portugal. É así como TRW leva a cabo o despedimento de 28 traballadores e traballadoras indefinidas mentres continúa a levar a súa carga de produción fóra de Galiza, a países onde os salarios son máis baixos e as condicións de traballo máis precarias, coa única finalidade de aumentar as ganancias do capital levando a cabo un proceso de deslocalización.

A asemblea de traballadores e traballadoras de ZF-TRW Automotive en Vigo votou a favor o pasado sábado dunha convocatoria de folga indefinida en protesta polos 28 despedimentos que comezará o luns 23 de novembro.

Desde o Partido Comunista de Galicia e a Xuventude Comunista esiximos a readmisión dos 28 traballadores e traballadoras e queremos manifestar tanto a nosa máis fonda solidariedade e apoio na súa loita pola recuperación dos postos de traballo como o rexeitamento da estratexia de deslocalización e desmantelamento da planta viguesa levada a cabo pola dirección da multinacional.

Share