[Vigo] O PCG NA COMARCA DE VIGO DESPIDE AO CAMARADA ANTONIO FIGUEROA PÉREZ

Share

“Hai homes que loitan un día e son bos.
Hai homes que loitan un ano e son mellores.
Hai homes que loitan varios anos, e son moi bos.
Pero hai outros que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles.”
Bertolt Brecht

FOTO FIGUEROA RECORTE

Faleceu o camarada Antonio Figueroa Pérez, militante antifranquista e veterano do Partido Comunista de Galicia.

Antonio Figueroa, fiel ao seu espírito de loita, xogou un importante papel na resistencia antifranquista en Galicia e asumiu grandes riscos na loita para conseguir unha sociedade máis libre e xusta. O seu labor foi imprescindible para que o PCG exercese a actividade de impresión, axitación e propaganda dos panfletos e os órganos do Partido, tanto o Mundo Obrero como A voz do Pobo, por todo o territorio nacional durante os anos 1967 ata 1975 baixo a represión franquista.

Foi, sen lugar a dúbida, un home dunha gran talla, entereza e resistencia que grazas á rixidez do seu traballo e ao control dos seus movementos permitiu manter activo este punto estratéxico do Partido. Un home clave que xogou un papel imprescindible para que a Folga Xeral de Setembro de 1972 en Vigo se convertése nun éxito e nunha vitoria para a clase obreira galega na súa loita polas liberdades e polo derrocamento da ditadura.

A Agrupación da comarca de Vigo perde a un camarada dunha gran valía pero queda o seu gran exemplo de compromiso e firmeza nos valores comunistas.

Despediráselle nunha cerimonia civil este luns, 19 de Outubro de 2015, ás 18:30 horas no tanatorio Vigo Memorial, na subida Vigo – Puxeiros, saída 663, na Sala 2.

Co puño pechado ao aire e cantando A Internacional dámosche o último adeus. Ata sempre, camarada! A túa loita e a de todos e todas as comunistas que vos ides non será en balde. Ata a vitoria sempre!

Share