[A Coruña] 78 ANIVERSARIO DA FUXIDA DO PORTIÑO

Share

O 3 de marzo de 1937, nunha noite fría e chuviosa, unha centena de persoas marcharon cara ao Portiño divididas en diferentes grupos. Eran militantes de diferentes organizacións de esquerdas que procuraban fuxir da barbarie fascista instaurada na cidade da Coruña e a súa bisbarra. Moita daquela xente simplemente quería salvar a súa vida e moita outra desexaba pasar ao bando republicano para combater aos sublevados e defender a legalidade democrática.

Para aquela andaina contaban coa inestimable axuda dos traballadores e traballadoras do mar, quen facían de contactos, comunicaban as mensaxes precisas e colaboraban na coordinación da fuxida. Pero algo saíu mal. A Brigada de Servicios Especiales da Garda Civil levaba tempo investigando posibles fuxidas por mar e neses días comportábase especialmente activa. Por outra banda, un cúmulo de infortunios remataron por bordar a historia do Portiño con letras de chumbo e sangue.

O venres pasado, 27 de marzo, 78 anos despois dos tristes acontecementos, os e as antifascistas da Coruña volvémonos a reunir ao redor do monumento ás vítimas do Portiño convocados e convocadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH).

participantes_web
Participantes no acto conmemorativo ás vítimas do Portiño.

 

Homenaxe ás vítimas do Portiño

Durante case un século, a memoria dos barrios mariñeiros da Coruña non esqueceu o que pasara no Portiño. A historia nunca se deixou de contar entre a veciñanza, mais tampouco nunca se investigara co merecido rigor histórico. Foi no 2006 cando o daquela Secretario da CRMH, Fernando Souto, o noso benquerido camarada Serafín Mourelle e o escritor Manolo Rivas decidiron acumular forzas para arroxar luz sobre aqueles penosos feitos.

Xa no 2008, a CRMH conseguiu inaugurar o monumento ás vítimas, a escasos metros do propio peirao do Portiño. Unha escultura de Pepe Galán cos nomes dos mortos daquela terrible noite gravados en chumbo. No 2009 publicouse o libro “A fuxida do Portiño”, coa autoría dos investigadores Emilio Grandío, Eliseo Fernández, Carlos Velasco e Dionísio Pereira. Tamén editouse o cómic “Compañeiros”, ilustrado por Xosé Tomás para transmitir aos máis novos o que supuxo o terror da ditadura ao través das ondas por sempre vermellas das beiras do Portiño. Ademais, produciuse o documentalA fuxida do Portiño”, baixo a dirección do noso camarada Jorge Gil. En definitiva, a CRMH desenvolveu un traballo titánico para nos devolver unha parte da memoria que se nega a esmorecerbaixo o manto do tempo.

Pero, se cadra, o máis importante é que, ano tras ano, consegue manter viva a lembranza dos feitos e render unha agarimosa homenaxe a aqueles antifascistas. Este venres volvemos, como cada ano, ao peirao do Portiño. Non chovía nin entraba o nordés daquela noite do 3 de marzo do 1937, pero a xente que arrodeamos o monumento ás vítimas sentimos o frío da historia e a calor da lembranza aos nosos.

Un acto sinxelo, acorde á humildade que sentimos lembrando aos grandes da historia. O son dunha gaita, a narración dos feitos, as sempre sentidas palabras do camarada Nicanor Acosta (nomeado Republicano de Honra 2015 pola CRMH) e a lembranza daqueles galeguistas, socialistas, anarquistas e comunistas que deixaron a vida procurando liberdade: Salvador M. Domingo Lliso, Alejandro Dopico Saleta, José García Vázquez, Ramón Díaz Valeiro, Francisco Díaz Moreno, Antonio Lorenzo García, Federico Rivadulla Gómez, Manuel Doldán Don, Manuel Parga Suárez, Genaro Pazos, José A. Boedo Núñez, Emilio Rodríguez Doldán, Ramón González Canosa, Antonio Vidal González, Manuel Baldomir Vázquez, Manuel Tellado Villar, Ramiro Fontenla Andújar, José Rodríguez Serantes, Manuel Bergantiños Pose, Luis Lafuente Naveira.

nicanor
O camarada Nicanor Acosta no acto conmemorativo ás vitimas do Portiño.

 

As fuxidas por mar

A partires do trunfo fascista en Galicia, instaurouse unha represión xeralizada que aínda foi máis cruenta co asociacionismo mariñeiro de clase. Tras o golpe, a Patronal Pesqueira situouse rapidamente do lado dos sublevados e aproveitouse dos militares e falanxistas para perseguir, torturar e asasinar a líderes sindicais da CNT, UGT e camaradas comunistas (coma no caso do fundador do sindicato de pescadores de Cedeira, Jesús Lourido).

Perante tal represión, moitos dos e das militantes do antigo tecido asociativo do sector crearon redes clandestinas de evasión por mar. Estas fuxidas consistían no roubo, compra ou asalto de embarcacións para pór rumbo á zona republicana ou cara ao exilio en Francia.

Son moitas as evidencias da colaboración do PCE nas fuxidas por mar, algunhas veces artelladas en solitario e a maioría en colaboración con diferentes organizacións de esquerda, sobre todo anarquistas. Algúns exemplos son os casos do Virgen del Carmen, embarcación da Armada que puxo rumbo ao porto de Bilbao (decembro do 36); a fuga frustrada do Eva, no Berbés de Vigo (abril do 37); a fuxida do Lola de Marín, que foron detidos tras chegar a Portugal e devoltos ás forzas fascistas (primavera do 37); as erradas tentativas do Explorador na Coruña e do Generosita en Cedeira (agosto do 37); etc.

O fracaso do Portiño

O acoso das forzas sublevadas á xente do mar obrigaba unhas precaucións extremas na preparación da fuxida. Os primeiros contactos cos/as que quixeron fuxir realizáronse nos últimos días do mes de febreiro e o aviso para o embarque fíxose na tarde dese mesmo 3 de marzo. Durante ese tempo, familiares e amigos/as mantiñan os contactos coas persoas perseguidas. Tamén foi esencial a axuda dalgúns mariñeiros da zona que se implicaron nas tarefas previas á fuxida. Todo estaba coordinado pola organización anarquista Despertar Marítimo.

Chegou o momento e diferentes grupos de persoas dirixíronse cara ao Portiño. Botaron tres embarcacións ao mar e dispuxéronse a agardar pola chegada dos pesqueiros que utilizarían para fuxir, mais eses barcos nunca chegarían. Durante esa espera, un pequeno grupo de persoas desorientouse e, ao redor das 23:00, decidíronse a preguntar polo camiño correcto a un empregado de Radio Costeira. O empregado asustouse pensando que o querían atracar e deu voces que alertaron a un veciño seu, membro da Garda Civil. Este avisou por teléfono á súa comandancia e comezaron as batidas xunto militares da batería do Monte de San Pedro.

Ao redor das 2:00, a última batida chegou ás inmediacións do Portiño a berros de “Arriba España”. Aí comezou unha pequena resistencia formada polos poucos fuxitivos que levaban armas e que serviu para que algunhas persoas conseguiran fuxir das gadoupas dos asasinos. Houbo quen saíron ao mar cunha das embarcacións que tiñan preparadas para alcanzar os pesqueiros nos que debían viaxar, quen se tiraron ao mar con mal resultado e quen correron polo monte. Ese día, as forzas fascistas detiveron a un total de vinte e sete persoas e deron morte a outras tres.

O Consello de Guerra celebrouse o 5 de xuño do 1937. A sentencia foi a condena a morte de quince dos procesados, a cadea perpetua para dez e quince anos de prisión para outros dous. As execucións leváronse ao cabo o 9 de outubro do 1937 no Campo da Rata da Coruña.

Vítimas do PCE no Portiño

Entre os antifascistas que sufriron a barbarie dos asasinos polos acontecementos do Portiño, atopábanse camaradas do PCE. Segundo as investigacións realizadas e compiladas no libro “A fuxida do Portiño”, os seus nomes son: Antonio Lorenzo García, Ramiro Fontenla Andújar e Salvador Mateo Domingo Lliso. Os tres foron executados aquel penoso 9 de outubro no Campo da Rata, ao igual que outros militantes marxistas pertencentes a outras organizacións coma o POUM.

campodarata_01
 Imaxe do Campo da Rata da Coruña, tomada por Jose Carlos
Share