[Ponteareas] O PCG E A XC MANTEÑEN O APOIO Á MOBILIZACIÓN DE PONTE SOLIDARIO

Share

O pasado martes no pleno municipal de Ponteareas, a asociación Ponte Solidario presentou o Informe de Mínimos, documento co que levan traballando os últimos meses e arroupado por 26 colectivos e 2189 sinaturas. Tras a lamentable actuación do alcalde, apoiado polo grupo ACIP, ao abandonar o salón de pleno cando se debatía a proposta conxunta da aprobación do Informe de Mínimos e a creación dunha Mesa Social aberta, desde o PCG e a XC queremos amosar o noso apoio á asociación Ponte Solidario e facer un chamamento ao conxunto da veciñanza de Ponteareas a acudir á asemblea aberta que convocan o próximo 27 de marzo.

A emerxencia social que vive a vila é un feito constatable. A propia organización atende a 65 familias e conta cunha lista de espera de outras 30. Por outro lado, a indiferenza do goberno municipal pola atención ao pobo de Ponteareas tamén se ve manifesta, cando non contan tan sequera con estudos sobre a situación da vila neste aspecto.

Así, o Informe de Mínimos supón unha necesidade urxente, recollendo en cinco puntos medidas de competencia municipal para garantir os dereitos básicos de educación, alimentación e sanidade. A necesidade dunha estrutura para a posta en marcha deste informe deriva na proposta da creación da Mesa Social aberta.

A negación por parte do alcalde, Salvador Solla, sobre o carácter aberto da mesa, xunto co rexeitamento por parte da concelleira de servizos sociais, Rosa María Carrera, a intervir no pleno pese ás reiteradas peticións de que tomase a palabra, constata a nula vontade por parte do PP da creación dun espazo democrático real no cal se traballen as medidas para paliar as consecuencias deste sistema, no que os dereitos sociais quedan supeditados aos intereses dos mercados.

Durante o debate escudouse na falta de formalismo da moción presentada,pese a que, días previos nunha reunión o alcalde comprometérase en comunicar calquera tipo de deficiencia legal que puidera impedir a aprobación das propostas a presentar no pleno. E pese á emenda presentada, a negativa persistiu. As intencións eran claras: aprobar o Informe de Mínimos, o que suporía simplemente un compromiso, pero non a Mesa, co que non existiría o espazo necesario para levar a cabo as medidas.

Tras o abandono do alcalde no pleno, a iniciativa de permanecer esa noite no salón responde á vontade de demostrar o compromiso e responsabilidade de Ponte Solidario, colectivos e demais persoas implicadas coa causa.

Por outra banda, rexeitamos como falsas certas valoracións publicadas buscando criminalizar unha mobilización veciñal plenamente pacífica para tratar da violenta carencia de traballo, comida ou vivenda dalgunhas familias.

Por elo, desde o PCG e a XC consideramos necesario a proposta de seguir coas mobilizacións. Así, reiteramos na importancia da participación na asemblea aberta que Ponte Solidario convoca para o vindeiro 27 de marzo, na cal se debateran as próximas fases deste proceso.

PS

Share