O PCG RENDÍU HOMENAXE A GAYOSO E SEOANE DO 65 ANIVERSARIO DO SEU ASASINATO

Share

Domingo, 10/11/2013.

DSCF0008

Hoxe, no Cemiterio Civil de San Amaro, desenvolveuse o acto conmemorativo polo 65 aniversario do fusilamento de José Gómez Gayoso e Antonio Seoane Sánchez. Como cada ano, o PCG rendíu homenaxe aos dous dirixentes do partido, asasinados no Campo da Rata de A Coruña en 1948.

No acto interviron o responsable do colectivo Gómez Gayoso, Miguel Picado; o secretario xeral do  Foro pola Memoria, Jesús Redondo Abuín; o presidente do Foro pola Memoria e da Real Academia da Lingua Galega, Xesús Alonso Montero; e o secretario xeral do Partido Comunista de Galicia, Carlos Portomeñe. Tamén estivo presente a deputada nacional por AGE, Yolanda Díaz.

Unha homenaxe a todos os esquecidos

Abríu Miguel Picado, quen se encargou de presentar ao resto de intervintes para lembrar a continuación a figura dos homenaxeados. Finalizou lendo un fragmento da última carta que Gómez Gayoso enviou á súa muller pouco antes de ser executado.

O seguinte en intervir foi Jesús Redondo Abuín, poeta tamén vítima da represión franquista. Quixo lembrar a todos os compañeiros e compañeiras que sufriron a barbarie nas súas carnes e, especialmente, aos familiares daqueles asasinados que non teñen un lugar onde poderlles rendir homenaxe.

A república é o colectivo

Colleu a palabra Xesús Alonso Montero, quen lembrou a loita de Seoane e Gayoso contra a España que defendía os privilexios de banqueiros, latifundistas e clero. “Vímos aquí a alimentar as nosas ideas e espectativas. Queremos ser coma Gómez Gayoso e Antonio Seoane, queremos seguir o camiño da revolución socialista. Unha revolución que hoxe debemos reorientar cara ás circunstancias actuais, pero que segue sendo a mesma: rematar coa explotación do home polo home.”

Alonso Montero alentou á militancia a loitar por sentar as bases da felicidade. “A felicidade sempre vai ser un problema persoal, pero se non hai traballo, comida, hospitais, escolas… non hai maneira de ser feliz. Debemos crear ese mundo no que cada un poida atopar a felicidade á súa maneira.”

Non quixo despedirse sen ofrecer un obxectivo aos comunistas galegos: “Temos que loitar pola república porque é a res publicae, a cousa pública, o colectivo.”

CORUNA 14113013

A III República antes de dez anos

Tocoulle o turno a Carlos Portomeñe, quen lembrou o acto de inauguración hai dez anos do monumento na memoria de Seoane e Gayoso, onde hoxe realizábase a homenaxe do 65 cabodano. “Desque se inaugurou este monumento cambiaron moitas cousas. Variaron os gobernos estatal e nacional, sufrimos a maior crise económica da historia da humanidade… pero non cambia que Seoane e Gayoso sigan constando nos arquivos policiais como bandoleiros, que os mortos sigan nas cunetas, que non se investiguen os crímenes do franquismo.”

Laiouse de que en España aínda non se faga fronte ao pasado de dor que supón a ditadura e que as iniciativas para investigar os crimes do franquismo teñan que vir doutro país como Arxentina. Reivindicou rachar dunha vez por todas cos lazos que siguen unindo ao Estado co seu pasado ditatorial e apostou pola creación dun bloco social e político que dea inicio a un novo proceso constituínte e á instauración da III República.

Rematou enviando unha mensaxe de optimismo aos alí congregados: “Vou facer algo que non acostumo, pero hoxe vou facer unha promesa diante do monumento a Gayoso e Seoane: non pasarán outros dez anos sen que se anulen os xuízos do franquismo e sen que vexamos a III República no noso país.”

O acto concluíu cunha ofrenda floral no monumento aos dirixentes comunistas.

Share