O VALOR DA CLASE TRABALLADORA
O vindeiro ano se vai celebrar o 125 aniversario das manifestacións e condenas de sindicalistas en Chicago, en loita contra a explotación capitalista, en concreto por reducir a xornada a 8 horas diarias de traballo, fronte ás 14 que na maioría dos sectores estábanse a realizar. Aquelas xornadas de loita foron a base histórica e ideolóxica para que en 1930 se decretara o 1 de Maio como a Festa Internacional das e dos traballadores.
A meirande parte da nosa sociedade olla con aprecio e non como unha páxina do pasado superada. A sucesións de loitas sindicais e políticas suavizaron a agresividade do capitalismo respecto da clase obreira nos países do chamado mundo desenvolvido, mais a obsesión polo beneficio fácil tense instaurado nos nosos días para desprezar e esquecer as achegas das e dos traballadores no desenvolvemento real e produtivo do planeta; asemade sen esquecer a chamada economía globalizada nos países alcumados emerxentes, onde a situación da clase traballadora amósase, en moitos casos, semellante a de 1886.
ESGOTAMENTO E INSUSTENTABILIDADE DO CAPITALISMO
Con 240.000 desempregad@s, co mantemento da precariedade ( só 1 de cada 10 contratos é indefinido), ou cunha redución moi insuficiente da sinistrabilidade laboral, a sociedade galega sofre a dureza da crise e nos deixa nunha encrucillada: as cifras do paro, da precariedade, do desmantelamento do tecido industrial e do emprego neste sector ( que perdeu dende o comezo da crise o empregox erado no último decenio ), a nosa inserción periférica na economía do Estado cun modelo depredados do territorio, levan ao empresariado a defender o indefendible: a proclamar a bondade dun novo axuste, que supoña o recorte dos dereitos sociais que nos devolvan o pasado, que ceguen a porta os avances sociais e a cohesión social. Os patróns galegos compórtanse coa mesma avaricia que os seus homólogos do Estado.
Os responsables da crise montan un discurso ideolóxico para lexitimar que a saída da crise a sigan a pagar en exclusiva a clase traballadora. O Partido Comunista de Galicia afirma o valor das políticas públicas no eido da economía e do benestar social para acadar unha saída social e democrática á crise.
MOBILIZACIÓN E PROPOSTA ECONÓMICA E SOCIAL ALTERNATIVA
O PCG chama nesta xornada histórica do movemento obreiro a mobilizarse ao redor dunha proposta económica e social alternativa, quen de situar nun primeiro plano os intereses da clase traballadora, ao traverso de medidas concretas e fectivas de planificación democrática da economía, de ampliación dos mecanismos de protección social e de afirmación dos valores de igualdade e solidariedade, que están na cerna das tradicións políticas emancipatorias:
Emprego estable e con dereitos. Saúde e seguridade no traballo.
Nengún desempregad@ sen protección social.
Intervención pública na economía. Creación dunha banca pública e desenvolvemento dunha política industrial pública nos eidos estratéxicos da economía.
Desenvolvemento dun plan de estensión dos servizos sociais, que amplíe e garanta os sistemas públicos de educación, sanidade e benestar-dependencia.
Polo dereito á vivenda.
POR UNHA SAÍDA SOCIAL E DEMOCRÁTICA Á CRISE
POLA UNIDADE DA CLASE TRABALLADORA
VIVA O 1º DE MAIO